A compañía de María Torres e Gonçalo Guerreiro estreará o seu novo espectáculo este venres 12 de abril no Teatro Jofre de Ferrol.
A compañía Elefante Elegante presentará Un momento precioso, a súa nova obra para público adulto, este venres 12 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. O espectáculo aborda a emerxencia climática a través do teatro, a danza e a acrobacia para evocar a Terra como un lugar de refuxio e harmonía nun momento de urxencia. A pregunta sobre a que se constrúe a peza é: “Se o mundo está a arder, como podemos conseguir un futuro diferente?”.
A proposta de María Torres e Gonçalo Guerreiro, responsables de Elefante Elegante, transita entre o soño e o pesadelo ao tempo que urxe a tomar unha decisión sobre o futuro do planeta e da nosa sociedade. “Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?”, resumen.
O elenco da obra está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e María Torres. Pola súa parte, Guerreiro é o responsable da dirección, mentres que Manel Fonte asina a composición musical, Nacho Martín a iluminación e Carolina Díguele o vestiario.
Residencia en Culleredo
Elefante Elegante desenvolveu o traballo creativo e de preparación da peza no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo en Culleredo, onde é compañía residente. Durante unha semana ofreceu funcións previas á estrea en Ferrol para público de Secundaria, Bacharelato e outros colectivos da zona.