Fran Sieira estreará o seu novo espectáculo de danza ‘CEIBE’ en Cangas

Outros

Despois do éxito de DeMente, a compañía presentará este sábado 2 de marzo unha peza con oito bailadoras que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición.

A compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu novo espectáculo CEIBE este sábado 2 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas ás 20 horas. Esta peza contemporánea, dirixida polo propio Sieira e polo bailarín Sergio R. Suárez, busca comprender como o xénero nos atravesa socialmente e de xeito particular no baile tradicional.

A proposta chega despois do éxito do seu anterior espectáculo, DeMente, e reflexiona sobre os estereotipos para establecer novas formas de entender as identidades de xénero. Os corpos carentes de xesto proporanlle ao público fixar a mirada na expresión corporal, habitualmente marcada polos modelos hexemónicos de masculinidade e feminidade. A maraña de fíos vermellos nos rostros actúa como símbolo dos códigos sociais que condicionan a nosa maneira de ser, actuar e movernos.

En palabras de Fran Sieira, “CEIBE é o resultado dun proceso creativo moi enriquecedor que segue aberto”, mentres que Sergio R. Suárez explica que manteñen “a posibilidade de seguir investigando en escena, en cada actuación, a forma na que o xénero atravesa os nosos corpos”.

O elenco e creadores de CEIBE. Foto: Aigi Boga.

O elenco está composto por oito bailadoras e bailadores: Adela Otero, André Adrio, Aida Tarrío, Artur Puga, Cris Canosa, José Adrián Casal, Martín Mondragón (Mondra), María Montero e Patricia Sánchez. A composición musical é de MounQup con cancións de Carlos Quintá.

A xira de CEIBE ten, ademais da de Cangas, estas outras datas xa confirmadas:

• 09/03 Teatro Principal de Santiago de Compostela.

• 12/04 Casa da Cultura de Milladoiro, Ames.

• 26/04 Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

• 27/04 Pazo da Cultura, Narón.

• 03/05 Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo.

• 16/05 Teatro Rosalía de Castro, A Coruña.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.