A nova obra de ButazaZero en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia revisa a figura do político Manuel Fraga en clave de humor. A súa estrea galega será o 13 de xaneiro en Vilalba, concello natal de Fraga, e logo percorrerá outras vilas galegas ao longo do primeiro semestre do 2024.
O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba acollerá o próximo 13 de xaneiro a estrea galega de ‘IRIBARNE’, unha peza que revisa en clave de humor a figura do político galego e máis concretamente vilalbés Manuel Fraga. O texto de Esther F. Carrodeguas con dirección de Xavier Castiñeira é a nova obra da compañía ButacaZero, que coproduce a peza xunto co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.
Este é o sétimo proxecto do tándem Carrodeguas-Castiñeira e segue o camiño iniciado noutras pezas fundamentadas na investigación e nunha reflexión en diálogo co presente, feita a partir dunha ollada crítica e irónica. Esther F. Carrodeguas describiu ‘IRIBARNE’ como “un intento irreverente por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia” e afirmou que este foi o traballo máis difícil que escribiu ata agora, sobre todo pola dificultade de atopar un punto de equilibrio en canto ao humor, o estilo ou o lugar desde o que situar.
Pola súa parte, Xavier Castiñeira destacou Manuel Fraga como un personaxe que é “inabarcable” e do que di que “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”. Nese sentido, o responsable da dirección salientou as contradicións que atoparon durante a investigación, tanto no eido persoal como no político.
Os dous creadores, dunha xeración medrada na transición, afirmaron que o proxecto axudou a entender de onde veñen. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apuntou Carrodeguas.
A posta en escena de ‘IRIBARNE’ conta cun elenco composto por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, a propia Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga. Cun ritmo frenético e dun xeito coral, todos e todas elas vanse dando relevo para interpretar o protagonista. Na obra caben iconas pop de diferentes épocas: desde Palomares ata Salomé, Massiel ou Serrat. Tamén se inclúen episodios como o asasinato de Julián Grimau, os atentados de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia dun país”, reflexiona o director Xavier Castiñeira.
O equipo artístico do espectáculo complétase con Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Castiñeira e mais o vestiario; Diego Vilar, responsable da iluminación; Pablo Fontenla, ao cargo da parte audiovisual; Sabela Domínguez na coreografía e Berto como creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single ‘WHO THE F*UCK IS IRIBARNE?’, editado por Subterfuge Records.
Con esta primeira data en Vilalba, ‘IRIBARNE’ chega a Galicia en galego logo de ser estreada con éxito en Madrid e xirará por distintas vilas galegas ao longo do primeiro semestre do 2024. A listaxe de datas confirmadas polo de agora é a seguinte:
- 13 de xaneiro en Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez) ás 19.00 horas.
- 20 de xaneiro en Santiago (Auditorio de Galicia) ás 19.00 horas.
- 8 de febreiro en Pontevedra (Pazo da Cultura) ás 21.00 horas.
- 23 de febreiro no Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo) ás 21.00 horas.
- 24 de febreiro en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) ás 20.00 horas.
- 15 e 16 de marzo na Coruña (Teatro Rosalía de Castro) ás 20.30 horas.
- 11 de abril en Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire) ás 20.30 horas.
- 20 de abril en Tomiño (Auditorio Municipal de Goián) ás 21.00 horas.
- 4 de maio en Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) ás 20.00 horas.
- 18 de maio en Narón (Pazo da Cultura) ás 20.00 horas.
- 19 ao 27 de xullo en Ribadavia (Auditorio do Castelo, MIT Ribadavia).