Cándido Pazó inaugura o curso da ESAD cunha lección sobre memoria, escena e compromiso cultural

ESAD

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia homenaxea ao dramaturgo, director e actor vigués, recoñecendo o seu legado no teatro galego e a súa traxectoria como creador e referente para novas xeracións.

O teatro galego rende homenaxe a unha das súas voces máis recoñecibles. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) celebra mañá 14 de outubro a lección inaugural do curso académico 2025/2026, protagonizada por Cándido Pazó, dramaturgo, director e actor cunha traxectoria que o converte nun referente da creación escénica e da narración oral en Galicia.

Natural do barrio vigués de Navia, Pazó mantén un vínculo especial coa escola, situada no mesmo lugar onde pasou a súa infancia. O seu traballo, que combina humor, oralidade e identidade cultural, foi clave para a consolidación dun teatro galego contemporáneo con voz propia, algo que a ESADg quere poñer en valor neste inicio de curso.

O acto, conducido pola profesora Cristina Domínguez, contará coa presenza de autoridades educativas e culturais, así como coa participación de exalumnas e exalumnos (entre eles Adrián Ríos, Alba Bermúdez, Melania Cruz, María Armesto e Santi Prego), que lembrarán a traxectoria do autor a través de fragmentos das súas obras e testemuños sobre a súa influencia.

Durante a xornada, a escola inaugurará tamén a Aula Cándido Pazó, un espazo que levará o nome do creador en recoñecemento ao seu legado e á súa contribución á profesionalización do teatro galego.

A programación completarase ás 16:30 coa masterclass ‘A dramaturxia como forma de traballo colectivo‘, impartida por Gonçalo Amorim, director artístico do FITEI e do Teatro Experimental do Porto. O creador portugués abordará o seu método de escrita escénica compartida, nunha sesión que reforza o diálogo entre Galicia e Portugal no ámbito teatral.

A ESADg, baixo a dirección do seu novo equipo, aposta por un proxecto que combina memoria, cohesión e apertura á cidade, poñendo a lingua galega e o compromiso social no centro da súa identidade como escola de artes escénicas.

Artigos relacionados

Non se atoparon resultados.