A quinta edición do Festival Escena Muller (FEM) celebra a creación en feminino, a memoria das mulleres galegas e a cultura como ferramenta de transformación social nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo.
O Festival Escena Muller (FEM) chega este 2025 á Costa da Morte cunha programación que pon en valor a creación contemporánea en feminino e a memoria das mulleres galegas. A quinta edición desenvolverase nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo durante todo o mes de outubro, coa intención de facer da cultura unha ferramenta de transformación social.
Entre as propostas destaca a exposición ‘Coreografías do facer’, comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do Museo do Pobo Galego, que se inaugura o venres 10 de outubro ás 13:00 no Albergue de Conco (Dumbría). A mostra presenta fotografías de Gustav Henningsen tomadas entre 1965 e 1968, centradas no traballo diario das mulleres galegas, destacando a súa dignidade, forza e beleza. A apertura contará coa presenza da deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, e representantes dos concellos implicados, seguida dun pequeno aperitivo aberto ao público.
A programación de FEM 2025 combina espectáculos escénicos, accións de rúa, obradoiros interxeracionais, funcións escolares, regueifas, conversas e actividades ambientais, fomentando a participación de toda a comunidade.
- Camariñas: “Mozas nas redes” (teatro escolar), “O estado cru” (performance), “Marcho que teño que marchar” (narración escénica), “Conversas Creadoras”, “Tecendo Fíos Femininos” e regueifa “O mundo é noso”.
- Dumbría: Exposición “Coreografías do facer”, “Golpes” (teatro documental), “Bailan as vellas” (oralidade), obradoiros interxeracionais e regueifa no Ézaro.
- Vimianzo: “Vitória” (teatro político), “O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada” (autoficción), regueifa no Adro de Carnés, obradoiros ambientais e “Tecendo Fíos Femininos”.
O Festival Escena Muller 2025, impulsado pola compañía aAntena Teatro e co apoio da Deputación da Coruña, consolídase como un festival descentralizado, igualitario e interxeracional que promove a visibilización das mulleres creadoras e o valor da cultura no rural galego.
