O universo de Bibopalula segue ampliando as súas fronteiras. Despois de converterse nun referente da creación audiovisual para a infancia en galego e de dar o salto aos escenarios con Bibopalula · O Espectáculo, a Banda do Bosque continúa o seu percorrido co seu propio concerto. A proposta leva ao directo as cancións da serie nun formato no que a música se converte no principal fío condutor do encontro coa cativada.
O concerto de Bibopalula reúne a Isabel Garrido á voz, acompañada por Luis Lago ao piano, Graciela Carlos á batería e Pedro Placer á guitarra. Xuntos interpretan parte da banda sonora da serie, recuperando temas xa coñecidos polo público infantil como O papaventos, Surfing Poza ou O terremoto e transformándoos nunha experiencia compartida fóra da pantalla.
A proposta, dirixida por Sergio Zearreta, mantén así unha das características que definen o universo de Bibopalula: a música como ferramenta para descubrir, xogar e relacionarse coa contorna. As cancións forman parte da identidade da serie desde a súa orixe e, neste caso, pasan a ocupar o centro da escena para construír un concerto participativo no que cantar e bailar forman parte da propia experiencia.
A presenza de Robin, Merli, Pegui e Carpin, os paxariños da Banda do Bosque, completa esta viaxe ao imaxinario da serie. Os seus personaxes volven atoparse coa cativada nunha proposta que combina música, natureza e imaxinación e que mantén o vínculo cun público que xa coñece as súas historias a través da pantalla.
O concerto representa, ademais, unha nova maneira de expandir un proxecto que nos últimos anos foi explorando diferentes linguaxes. Se Bibopalula · O Espectáculo trasladaba os personaxes e as historias da serie ao teatro, esta nova proposta parte directamente das súas cancións para construír unha experiencia escénica arredor da música en directo. Un percorrido que evidencia a capacidade do proxecto para crear diferentes portas de entrada ao seu universo sen perder a súa identidade.
Nesa expansión ten tamén un papel importante a circulación por programacións culturais dirixidas ao público familiar. O concerto de Bibopalula formou parte este verán do Noroestiño, a programación infantil e familiar do Festival Noroeste Estrella Galicia, onde compartiu espazo con diferentes propostas musicais e escénicas nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. A actuación integrouse nunha programación que busca achegar as artes escénicas e a música en directo ás novas xeracións desde idades temperás.
Poucas semanas despois, a Banda do Bosque regresou á Coruña para participar no Castelo Conta, onde o concerto se incorporou á programación do festival cunha función de balde. O encontro tivo lugar o 29 de agosto, dentro dunha programación que entende tamén a creación para a infancia como unha parte esencial da vida cultural e da relación entre comunidade, territorio e artes escénicas.
Con unha duración aproximada de 50 minutos, O concerto de Bibopalula afonda así nunha das dimensións máis recoñecibles da serie: a música. Unha proposta que permite que as cancións que acompañan as aventuras de Robin, Merli, Pegui e Carpin abandonen a pantalla para atoparse directamente co público e demostrar que o universo da Banda do Bosque aínda ten moitos camiños por explorar.
