O Corufest 2024 celebrará a súa sétima edición na Coruña entre o 9 e o 19 de maio

Outros

O festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual programa preto dunha vintena de propostas culturais e artísticas arredor das táboas e o activismo LGTBIQ+ en distintos espazos da cidade.

O Corufest 2024 celebrará a súa sétima edición entre os días 9 e 19 de maio cun programa que achegará á Coruña figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+. O festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual presentará preto dunha vintena de propostas con que promover a reflexión e o debate sobre o respecto á diversidade e igualdade.

Os espectáculos teatrais que se inclúen na edición deste ano son ‘If, la Ligereza’, de Compañía del Señor Smith (12 de maio no Teatro Rosalía) e ‘Sexpiertos’, protagonizada polo gañador do Goya a Mellor actor revelación Telmo Irureta e por Kepa Errasti (18 de maio no Teatro Colón).

En canto á danza, as propostas para este ano son ‘Extender como si pudiera’ e ‘Intempestiva’, de Elahood (9 de maio no Ágora) e ‘Simulacro’, de Margarida Monteny e Carminda Soares (17 de maio no Teatro Colón). No festival tamén se enmarca ‘Ceibe’ (16 de maio no Teatro Rosalía), o último espectáculo da compañía Fran Sieira, grazas ao apoio do programa TRC Danza.

Ademais destas propostas escénicas, o Corufest 2024 programará encontro con diversos autores, celebrará as súas xanelas divulgativas (11 de maio no Ágora) e outorgará por segundo ano o Premio Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, nesta ocasión á activista e política Carla Antonelli.

Artigos relacionados