Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto: “Con ‘Escándalo en Palacio’ e Pedro Ruiz todo é un gran circo”

Outros

Do teatro ao audiovisual para revisitar os clásicos. Esa é a filosofía que guía Estudo Momento, a compañía e produtora que comandan con decisión Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto. Saben o que queren e ofrécenllo ao público en forma de adaptacións teatrais ou homenaxes audiovisuais a nomes como Welles, Hitchcock ou Ford. Falamos con eles sobre o seu traballo e sobre un dos seus últimos éxitos: a adaptación de Escándalo en Palacio, un espectáculo teatral de Pedro Ruiz.

CAL É A ESENCIA DE ESTUDO MOMENTO?

XOÁN CARLOS: A nosa historia sempre estivo vencellada aos clásicos. Comezamos facendo adaptacións de teatro clásico nun sentido amplo, non teatro grecolatino, senón clásicos universais. Empezamos con Casa de Bonecas, de Ibsen, que foi unha adaptación miña igual que tamén o é Señorita Xulia, de Strindberg. Polo medio fixemos un MacBeth traducido e versionado por Manuel Lourenzo. A rara avis da nosa produción é Escándalo en Palacio, que é consecuencia do que pasou con Señorita Xulia en Madrid. Tivemos un gran éxito de crítica primeiro e de público despois, abriusenos a posibilidade de coñecer a Pedro Ruiz e de aí vén o espectáculo.

IRIA: Estudo Momento ten dúas patas: por un lado a compañía teatral, que lidera claramente Mejuto, que leva no teatro galego 30 anos, mentres que a audiovisual correspóndeme a min porque antes de ser actriz comecei sendo directora. Nacemos no cine clásico americano e estamos traballando nunha triloxía. A primeira curta foi Badaladas de amor e morte en homenaxe a Welles, agora temos en distribución Balle Voyage [tributo a Hitchcock] e o proxecto pechará cun western en homenaxe a John Ford. Tamén estamos traballando en dar o salto a longametraxe. 

POR QUE APOSTAR POLOS CLÁSICOS?

IRIA: Non é unha cuestión de gusto, senón de criterio artístico. No cine eran claramente mellores que agora. Se ti queres crecer, o mellor é mirar aos mellores e os mellores están moitos anos atrás.

XOÁN CARLOS: Antes que autor de teatro son actor e cando empecei a traballar con Iria empezamos arredor de clásicos porque o seu material dramatúrxico é incrible. Hai personaxes que eu quería facer e que quería que Iria fixese. Podería facer algo máis contemporáneo? Esa vea creativa creo que está nas adaptacións porque traballamos cos materiais adaptados e actualizados. E quero crer que facemos teatro contemporáneo utilizando o soporte dos grandes textos do repertorio clásico.

Mejuto e Ares en escena coa súa adaptación 1888. Señorita Xulia.

COMO RECIBE O PÚBLICO ESAS ADAPTACIÓNS DOS CLÁSICOS?

XOÁN CARLOS: Tanto coa Señorita Xulia como con Casa de Bonecas, que son dunha época moi semellante, a resposta do público foi practicamente unánime. A reacción é de sorpresa pola vixencia e modernidade dos textos. Nalgunha función ten pasado de escoitar frases como: “Mira, é como a vida mesma!”. En Casa de Bonecas hai unha escena onde eu lle prohibo algo a Nora e lembro que unha muller desde o patio de butacas dixo “Si, home!”. A resposta é moi directa e o público séntese moi interpelado porque son obras que se senten moi modernas. 

QUE VOS APORTA ESA CONEXIÓN COA XENTE?

IRIA: O teatro é fundamental para un actor. É onde o aprendes todo porque todo o que fas é para o público. Desde como facer unha pausa ou un silencio ata un xesto. Nunha época de interpretación onde eu penso que os actores están demasiado preocupados por sentir eles mesmos ou expresar as súas propias emocións, pois eu teño a sorte de ter a escola do teatro, onde sabes que o actor sen o público non é nada porque todo é para eles. Ti podes estar dentro de calquera maneira, pero quen ten que sentir paixón, celos ou o medo é o público. 

No drama profundizas máis nos personaxes e na obra, mentres que a comedia é como un souffle: medra.

CON QUE ESTADES A XIRAR AGORA MESMO?

IRIA: Estamos metidos en dúas xiras á vez: coa Señorita Xulia por un lado e con Escándalo en Palacio polo outro. Con Escándalo en Palacio e Pedro Ruiz todo é un gran circo no bo sentido porque a obra é moi actual e fala da política. É moi divertido e Mejuto e mais eu estamos moi sorprendidos da boa acollida que está a ter.

XOÁN CARLOS: Unha xira dunha comedia nunca é o mesmo que unha xira dun drama. O drama consolídase como peza doutra maneira, no drama quizais vas profundizando máis nos personaxes e na obra, mentres que a comedia é como un souffle: medra. O efecto que se produce co público ten esa característica.  Esta peza estivo 10 semanas en Madrid e despois viñemos a Galicia cun público que entendía moito mellor a totalidade do espectáculo, que é orixinal de Pedro Ruiz pero tamén ten adaptación, non é tal cal o fixo el hai 12 anos. Adapteina eu e hai partes orixinais miñas que teñen ese humor galego que igual en Madrid non tiña tanta acollida, pero aquí foi unha pasada porque o público pillaba todas. 

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.