Inventi Teatro amosa as ‘Palabras perdidas’ á cativada 

Outros

Durante esta fin de semana o espectáculo representarase dous días consecutivos, o sábado 18 e o domingo 19, ás 18 horas, na Sala Ártika de Vigo.

A compañía trae a escena unha comedia teatral para o público máis novo. A obra, interpretada por Bea Campos e Marcos Alonso, está realmente protagonizada pola lingua; unha aposta chea de humor que avoga polo fomento e o emprego do idioma propio entre as primeiras espectadoras que son, á vez, as nosas novas falantes.

As palabras perdidas é a nova interpretación deste dúo cómico, na que con multitude de recursos escénicos atoparán aquelas palabras agochadas, quizais menos empregadas e se cadra algo esquecidas, para traelas de novo a un primeiro plano. Así, a través do dinamismo da peza, o público asistente presenciará non só a procura, senón tamén a aparición eo descubrimento deses conceptos. Unha aprendizaxe conxunta, para toda a familia, que pon no foco as palabras e o idioma, mais que o fai dun xeito verdadeiramente entretido e divertido. 

Sen esquecer que, acompañando a este dúo, tamén atopamos unha coidada estética de vestiario, deseñada por Ali Otero, e unha definida escenografía, de J.M. Sagüillo, que guía a narración da peza. Pequenos engranaxes que permiten manter a curiosidade da audiencia e garanten a fluidez da historia sobre as táboas.

Artigos relacionados