‘1972’: a memoria da folga obreira de Vigo sae á rúa

Outros

En setembro de 1972, unha folga xeral paralizou Vigo durante quince días e marcou a historia do movemento obreiro durante o franquismo. Máis de cincuenta anos despois, un grupo de adolescentes investiga aqueles acontecementos para convertelos nunha peza escénica. É a proposta de 1972, un proxecto de creación e mediación cultural da compañía ButacaZero que esta semana organiza dúas actividades abertas á cidadanía.

A primeira celebrouse onte, 8 de outubro, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). O Conversatorio Interxeracional reuniu o grupo de adolescentes con persoas vinculadas á folga, nun encontro para compartir experiencias e recoller testemuños que poidan incorporarse á futura creación. O edificio, que en 1972 funcionaba como cárcere, é tamén o espazo no que se desenvolven os encontros formativos do proxecto.

A seguinte actividade será este domingo 11 de outubro, pola mañá, cun roteiro en autobús polos escenarios da mobilización. O percorrido partirá de PSA-Citroën, un dos principais focos da folga, e chegará ata A Madroa, onde se celebraban reunións nocturnas dos comités que debatían a continuidade dos paros. A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas e cómpre reservar a través do correo info@butacazero.com.

Da investigación á creación escénica

Desde setembro, o grupo participante está a traballar nun proceso formativo dirixido por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, co acompañamento de Laura R. Iturralde, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Borja Carvajal e Pia Nicoletti. As sesións combinan disciplinas como a danza contemporánea, o son, o deseño audiovisual, a iluminación e a dramaturxia documental.

O obxectivo é crear unha peza escénica propia sobre a folga de 1972, a partir da investigación histórica e da experiencia das persoas que participaron na mobilización. O proceso busca recuperar a memoria daqueles días e trasladala ao escenario a través do traballo colectivo e das distintas ferramentas artísticas. Nel colaboran tamén a Unión Comarcal de CCOO de Vigo e a Fundación 10 de Marzo.

O conversatorio interxeracional e o roteiro en autobús forman parte deste traballo de documentación. O contacto coas persoas que viviron a folga e a visita aos lugares onde se desenvolveron os feitos permiten ao grupo achegarse ao seu contexto e incorporar esa información á futura creación.

O proceso rematará cunha mostra os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, situada na zona portuaria de Vigo. A entrada será gratuíta, coa previa retirada de convites na web da sala.

Artigos relacionados