A final da categoría Teatro PRO celébrase entre hoxe e mañá (29 e 30 de outubro) en Santiago de Compostela, con catro obras inéditas que se darán a coñecer directamente sobre o escenario. Os proxectos optan a premios económicos e a unha posible colaboración co Centro Dramático Galego para impulsar a proposta gañadora.
A creación escénica emerxente toma o Salón Teatro coa final da modalidade Teatro PRO de Xuventude Crea 2026. O certame, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reúne nesta fase catro propostas inéditas que se presentarán ante o público e o xurado ao longo de dúas xornadas, con entrada de balde ata completar a capacidade do recinto.
As obras finalistas son Algo Provisional, de Forza 5 Teatro; Eu Sarah, de Sarah Bernhardt; Corneta Obxecta, de Liouse Teatro; e Planeta Pop: a Alien que se converteu en superestrela, de O.V.N.I. Os proxectos chegan á final baixo os nomes cos que se inscribiron no certame e os seus contidos mantéñense reservados ata o momento da representación. A cita permitirá, así, coñecer as pezas directamente sobre o escenario, sen adiantar os seus argumentos nin as súas propostas escénicas.
A programación distribúese entre as tardes do xoves 29 e do venres 30. A primeira xornada abre ás 17.00 h con Eu Sarah, de Sarah Bernhardt, e continúa ás 20.25 h con Algo Provisional, de Forza 5 Teatro. O venres será a quenda de Corneta Obxecta, de Liouse Teatro, ás 17.00 h, e de Planeta Pop: a Alien que se converteu en superestrela, de O.V.N.I., ás 20.15 h.
O xurado reúne profesionais vinculados a diferentes institucións e espazos teatrais. Entre eles están Silvia Cabasino, da Fondazione Teatro di Roma – Teatro Nazionale e da Unión de Teatros de Europa; Víctor Hugo Pontes, do Teatro Nacional São João do Porto; e Xaquín López, do Auditorio de Galicia. Completan o equipo Francisco Javier Núñez Alonso, mentres que a presidencia corresponde a Silvia Negreira Vidal, subdirectora xeral de Programas e Mobilidade Xuvenil, e a secretaría, a Ana M.ª Quiroga Rodríguez.
Unha vía de impulso para a creación teatral
A modalidade Teatro PRO está dirixida a compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos vinculados, entre outros ámbitos, á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A convocatoria busca apoiar proxectos que se atopan nas primeiras etapas da súa traxectoria, ofrecéndolles unha plataforma para mostrar o seu traballo e optar a recursos que favorezan a súa continuidade.
Os premios económicos desta modalidade son de 2.000 euros para o primeiro posto, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro. Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude comprométese a estudar unha posible colaboración co Centro Dramático Galego para apoiar, a través das canles xurídicas oportunas, o lanzamento artístico do proxecto que obteña o primeiro premio.
Esta dimensión de acompañamento forma parte dun certame que abrangue quince especialidades artísticas e que, ao longo das súas edicións, reuniu preto de 6.000 participantes e 4.000 obras e proxectos creativos. Máis alá da dotación económica, Xuventude Crea procura dar visibilidade ás propostas seleccionadas e facilitar novas oportunidades de desenvolvemento profesional, tamén mediante programas de formación e mentorizaxe.
A final de Teatro PRO será hoxe e mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela, con entrada gratuíta ata completar a capacidade do recinto.



