Atracar a Catedral

‘Códice K’ preséntanos a historia non oficial do roubo do Códice Calixtino once anos despois.

Códice K

O roubo do Códice Calixtino, que hai dez anos xa fora un espectáculo mediático, é agora un espectáculo teatral. Códice K son catro actrices sobre un escenario que inventan todo o que non se pode saber daquel bizarro episodio real.

Lucía Veiga, Graciela Carlos e Russ | Foto: Aigi Boga

O Códice Calixtino ten case novecentos anos e é un precursor do libro de viaxes pero xa con este comezo de explicación moitos ollos aburridos deixaron de ler. En cambio, se esta valiosa peza é roubada da Catedral de Santiago por un electricista, despedido e despeitado, que quere vingarse do deán, xa cambia a cousa. Así, a quen non lle vai gustar un códice miniado do século XII? Códice K é o espectáculo dirixido por Tito Asorey que amosa isto, como o valor de algo está verdadeiramente no lugar que deixa para nós imaxinar.

Esta versión cómica e non oficial do roubo do Códice Calixtino foi estreada esta primeira fin de semana de primavera cun cheo Teatro Principal de Santiago, a tiro de pedra da mesma Catedral. Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón forman o elenco que fai das personaxes secundarias da trama real as protagonistas desta historia inventada.

O fío condutor da comedia é a investigación dunha inspectora da Brigada de Patrimonio Histórico, que agardaba un caso de traficantes internacionais ou mafiosos e acabou descubrindo o Códice sen saír da comarca, no Milladoiro. (Isto non é spoiler, que é historia). A esta personaxe que exerce a función de narradora, interpretada por Marita Martínez, súmanselle moitas outras mulleres que puideron pulular pola historia real, como as limpadoras da Catedral que saben que as paredes teñen oídos, a señora do electricista ladrón ou a moza do seu fillo. Mesmo atopamos a personificación dunha Códice secuestrada con síndrome de Estocolmo —en feminino como a propia guía de viaxes se reivindica—. Todas elas están caracterizadas dende a esaxeración destes arquetipos que tan pouco pegan nunha trama estilo CSI ou true crime, a clave cómica do texto do boli de Manuel Cortés.

Patricia Castrillón, Marita Martínez, Lucía Veiga e Graciela Carlos en Códice K | Foto: Aigi Boga

Unha particularidade do libreto de Códice K é que foi creado a partir de exercicios de improvisación das actrices —co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez—, dos que naceron por exemplo as personaxes interrogadas pola inspectora. Esta pode ser unha das razóns do dinamismo das actrices para conxugar tan variadas personalidades e facer entretida unha historia cuxo final e liñas xerais todos e todas coñeciamos.

A coidada estética xeral é outro dos acertos da montaxe de Asorey. A iluminación, a cargo de Laura Iturralde, dálle moita enerxía ao ritmo do espectáculo e consegue que se integren nel os recursos audiovisuais empregados e, en xeral, a escenografía de Banale, que resulta dun gran atractivo. O espazo sonoro tamén escapa do que cabería esperar, ao ser a súa responsable unha DJ, Russ. No alto e vestida de anxo bailadeiro envolve a obra cunha mestura de tradición xudeocristiá e vangardismo electrónico: o máis parecido a unha rave na Catedral que vaiamos ver.

Códice K nun principio ten vontade de facer rir a persoas tan diversas como o son as personaxes que pasean polo escenario. É certo que hai unha crítica de fondo ao Xacobeo e á mafia santa, sobre cuxos excesos e abusos se ironiza, e tamén hai un tirón de orellas a propósito para a desatención do noso patrimonio artístico. Con todo, o espectáculo non se presenta coma un medio para a denuncia social explícita, o cal é o mellor xeito de facer denuncia social.

Conseguindo que o tempo pase nun santiamén, Códice K entretén e róubanos o riso, ao tempo que deixa unha historia que fala da nosa realidade social como só pode facer a ficción. E é que como se foi construíndo a cristiandade? Pois a golpe de relatos. Invención e verdade non son realmente antónimos e con esta premisa xoga Códice K.

Artigos relacionados