Lucía Veiga: “O Mestre Mateo é unha forma de pincharme para que siga explorando a vía do drama”

Códice K

Comezou a súa carreira como actriz cando estaba preto dos corenta anos e acaba de gañar o Premio Mestre Mateo a Mellor Interpretación Feminina Protagonista por ‘Rapa’. Lucía Veiga traballa comedia, drama, improvisación, guionización, audiovisual, teatro e todo o que se lle poña por diante, sendo consciente de que cómpre “poñer ovos en diferentes cestas”.

No seu multidisplinar percorrido profesional, os escenarios son un lugar ao que Lucía Veiga (A Coruña, 1979) non deixa de subir. Ademais da improvisación que tanto leva traballado, a súa próxima experiencia teatral será Códice K, un espectáculo dirixido por Tito Asorey e Noemi Rodríguez sobre o roubo do Códice Calixtino, unha desas ocasións nas que a vida resulta algo incrible de máis. Lucía Veiga fálanos dos seus proxectos, do momento profesional que está a vivir e, de paso, descóbrenos o seu particular xeito de transitar as artes escénicas, o humor e a creatividade.

Lucía Veiga gañou o Mestre Mateo 2023 á Mellor Interpretación Feminina | Foto: Academia Galega do Audiovisual | Miguel Lamas

O primeiro de todo, moitos parabéns polo Mestre Mateo. Gañaches na categoría a Mellor Interpretación Feminina Protagonista por Rapa, papel polo que tamén foches nomeada aos Premios Feroz como actriz de reparto. Como recibiches estes recoñecementos?

Foi unha sorpresa e unha alegría moi grande. Para os Mestre Mateo, despois do Feroz, a produtora Portocabo pediulle á Academia que fose como protagonista, porque a personaxe na primeira tempada tiña ese valor. Este premio colócame nun lugar de responsabilidade, porque nunca tiven un papel de tanta relevancia e menos en drama. Eu estou afeita á comedia, que é onde me movo con máis comodidade. É un recoñecemento pero tamén un xeito de “pincharme” para que siga explorando máis por esta vía; abrir unha porta a querer probar todas as cousas que aínda non fixen e que, se cadra, si que estou capacitada.

Seguirás entón explorando este camiño do drama?

Gustaríame seguir, si. Penso que hai que intentar manexarse en todas as linguaxes: na teatral, na audiovisual, na comedia, no drama, no clásico, no moderno, na improvisación, no traballo textual… Canto máis, máis completas seremos!

Falando da transversalidade do teu traballo como actriz, pasamos do audiovisual ao teatro. Vas estrear o 24 de marzo Códice K. Que vai atopar o público que o vexa?

É unha reinterpretación do que pasou no roubo e recuperación do Códice Calixtino e, sobre todo, unha aposta por intentar empatizar e entender as distintas partes. É un fantasear co sucedido dende un punto de comedia. Probablemente ao público lle pase o mesmo ca nós, que tivemos que facer un exercicio de memoria. Todos temos na mente que hai certos anos o Códice foi roubado, que todo fora un pouco bizarro porque o ladrón fora o electricista da Catedral. Pero o resto da parte real da historia, os detalles, case todos a temos esquecida. Códice K é unha reconciliación con ese momento no que se atopa comedia nas cousas máis mundanas ou incluso nos dramas. É un rirnos de nós mesmos como galegos, da nosa idiosincrasia e de como nos enfrontamos á vida.

En Códice K o público vai ver unha reinterpretación do famoso roubo, unha aposta por empatizar coas distintas partes e fantasear dende a comedia.

As catro actrices de Códice K achegastes ao espectáculo, escrito por Manuel Cortés, boa parte do seu ser a través da improvisación. Como foi ese proceso de creación?

Levo dende hai moito tempo facendo improvisación pero nunca creara un texto a partir dela, sempre traballei esta disciplina como unha linguaxe en si, propia para os escenarios. Escribir un libreto dende a improvisación foi moi divertido e moi satisfactorio. Sobre todo, quedamos coa sensación de que o guión final é un produto moi consensuado entre todo o elenco, do que nos gustaría contar a todas e da mensaxe que queriamos que quedase para o público. Tito [Asorey], o director, propúñanos unhas situacións a partir das cales deixamos fluír a imaxinación. Cando practicas impro e abres a espita da mente, sen xulgar e sen poñer filtros ás cousas, sae destilada unha mestura do que coñeces e do que lembras co que che gustaría que fose: sáltase o filtro incluso da convención. Como consiste en aceptar e sumar, é sinxelo que flúan historias, momentos e personaxes coas enerxías de todas as actrices. Aparecen case sketchs baseados na verdade. E a comedia ten que ser verdade, por iso é moi enriquecedor estar a facer este espectáculo con impro.

Ensaios de Códice K | Foto: Aigi Boga

Quedas con algún momento concreto dos ensaios?

Co momento no que estabamos propoñendo personaxes que fosen testemuñas na investigación do roubo do Códice. A idea era amosar persoas alleas con pequenas intervencións que o público verá no espectáculo. Foi moi divertido porque todas temos certa tendencia á comedia e había tanta conexión entre as actrices que case que nos pisabamos as unhas ás otras. Traballabamos dentro dunha mesma consciencia colectiva, na mesma onda, e iso era súper, súper divertido.

O elenco de Códice K sodes mulleres e a dirección compártena Noemi Rodríguez e Tito Asorey, aínda que o guionista sexa un home, Manuel Cortés. Coido que non é frecuente esta maioría feminina… Que singularidades ten como resultado?

Non é o máis habitual un elenco feminino nunha produción así; en monólogos ou obras de dúas persoas, si. Non debería haber ningunha diferenza, podemos traballar personaxes e situacións protagonizadas por mulleres e por homes, indistintamente. O único, pode haber unha diferenza na interpretación, en base ao humor, na maneira de crear a través do filtro feminino. Non temos por que ser máis sensibles, nin máis creativas, nin máis nada: só que a conxunción das catro actrices pode poñer máis en valor a voz feminina da historia.

Códice K é unha reconciliación con ese momento no que se atopa comedia nas cousas máis mundanas ou incluso nos dramas.

Con todo, sempre que se traballa dende un punto de vista feminino resáltase este feito. Aínda que normalmente se sinale como positivo, indícanos isto que as mulleres e o que facemos seguimos a ser o distinto, o raro?

Si, e o feito de que chame a atención un elenco feminino ao completo significa que aínda non calou do todo na sociedade. Hai que verlle a parte positiva tamén, se sorprende tamén fai reflexionar e chegará un punto, ou cruzo os dedos porque sexa así, no que non chame a atención. Códice K serve para poñer o foco nesa sorpresa que pode producir que non haxa homes sobre o escenario.

Resulta curioso como chegaches a traballar nas artes escénicas. Seica querías ser profesora de Latín, e estudaches Hispánicas na UDC. Como acabou indo a vida cara aos escenarios e as cámaras?

Un pouco por carambolas e de ter na vida esa filosofía que despois atopei na impro, que é a de adaptar o que se ve. É certo que o meu soño era ensinar latín e grego, pero hai obstáculos e circunstancias, entón tiven que estudar Hispánicas e ao rematar non me vin con forzas para opositar. Entón, empecei a probar paus que non eran necesariamente vocacionais pero cos que gañarme a vida. Como traballar nunha empresa de animación e eventos, coa que me acheguei á produción ou á elaboración de guións… Tamén vender teléfonos, que me permitiu darlle moito valor á comunicación interpersoal. Son traballos que en principio non teñen nada que ver coa interpretación pero que ao final si que fun practicando. Nunha crise vital, atopeime outra vez no paro con 38 anos case, decidín tomar aire e comezaron as demais carambolas: xente que me ofreceu ir a clases, que me deu a oportunidade de probar, que me foi metendo o gusanito. Ao comezo foi dun xeito amateur pero abriume a porta a algún casting e comecei a enganchar un traballo con outro dun xeito moi fortuíto e levo cinco anos así. Non sei cando vai acabar a racha pero sigo, sabendo que unha leira haina que traballar todos os días e que de carambolas non se vive.

Nunha crise vital, atopeime outra vez no paro con 38 anos case, decidín tomar aire e comezaron as demais carambolas.

No sector audiovisual traballaches en producións como Vivir sin permiso ou El desorden que dejas, agora vés de facer Rapa. Como foi esta experiencia profesional xunto a Javier Cámara e o resto do equipo?

Foi alucinante, como estar en primeiro ano do Conservatorio e que te conviden a tocar coa Sinfónica. Víame na comedia cunha certa comodidade e facer Rapa foi unha proba persoal para demostrarme a min e a todo o mundo que podía tocar o pau do drama, do thriller. Un papel así, relevante, nunha rodaxe longa, son os que máis asustan porque son os que máis hai que construír, manter no tempo, seguir as liñas emocionais… Tiven a sorte de poder facelo nunha produtora que mima moito o seu produto e o seu equipo.

É moi importante que se faga audiovisual en galego, oxalá a calidade da lingua empregada fose mellor, comezando por min mesma, porque ás veces usámola con despreocupación.

Coñecémoste tamén pola túa faceta como presentadora e actriz no Malo Será, Luar ou Malicia Noticias. Que importancia teñen os programas en galego para o noso audiovisual?

É moi importante que se faga audiovisual en galego, oxalá a calidade da lingua empregada fose mellor, comezando por min mesma, porque ás veces usámola con despreocupación. É certo, tamén, que o máis importante é falala; canto máis entre nas casas dun xeito cotián, máis traballo e mellor faremos fóra delas. Comedia en galego e en audiovisual é importantísima e fundamental, como tampouco debemos esquecer a ficción, á marxe de que se fagan producións na nosa terra que non son en galego. Temos un patrimonio que coidar e ao que sacarlle partido, porque paga a pena.

Actriz de teatro e audiovisual, guionista, profesora, cómica en espectáculos de improvisación, presentadora… De que xeito se relacionan os teus diferentes traballos?

Canto máis coñeces as distintas partes do proceso, máis medra o proceso en ti. Probar ou saber o que é a guionización axuda a enfocar e completar doutro xeito a túa interpretación, facer e dar clases de impro tamén axuda a mellorar a comprimir e sacar a esencia das cousas para comunicalas ben… Canto máis amplo sexa o abano, máis completo será o traballo, máis comprensivos e empáticos seremos.

Foto: Aigi Boga

É difícil conseguir ter unha estabilidade na interpretación e, en xeral, no mundo das artes escénicas e do audiovisual?

Agora levo cinco anos con estabilidade, cousa que é bastante complicada neste mundo. A xente que leva máis tempo ca min tenme avisado de que isto vai por ondas. Tanto podes estar traballando seguido como ter un parón, que hai que asumir e que moitas veces non ten que ver coa túa calidade e talento. Teño estabilidade e penso que podo seguir tendo certa estabilidade porque parte do meu empeño é seguir traballando diferentes ámbitos: non quero abandonar a impro, nin o teatro, gustaríame seguir en televisión… Poñendo ovos en diferentes cestas, e non necesitando moito para vivir, é difícil que os perdas todos. É complicado iniciarse no sector, independentemente da idade á que o fagas, porque eu comecei tarde, e é porque non tes nada que amosar. Depéndese moito da confianza, porque non hai currículo detrás para avalar o teu talento.

Achegarse aos teatros implica máis esforzo e moitas veces parece que o público fai esta aposta só se hai actores moi coñecidos.

Verémoste de novo sobre as táboas en pouco tempo pero, polo de agora, despedímonos coa dúbida: que esperta en ti esa fascinación por facer teatro?

Facer teatro ou impro teñen de diferente a inmediatez e o contacto directo co público, no audiovisual está lonxe no espazo e incluso no tempo. Traballar no presente depende de como esteas ese día, ten un extra de emoción que non ten a cámara. No teatro todo é verdade e é inmediato. Gustaríame animar moito á xente a que estea pendente deste proxecto. Achegarse aos teatros implica máis esforzo e moitas veces parece que o público fai esta aposta só se hai actores moi coñecidos. Códice K é unha oportunidade para rir, para reflexionar e para coñecernos.

Artigos relacionados