A arte do títere galego é recoñecida a nivel global

Outros

A Asociación Morreu o Demo recibe o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro da Asociación Internacional da Marioneta (UNIMA).

Este certificado recoñece un total de 37 iniciativas de todo o mundo, sendo a asociación a única representante galega nesta listaxe. O comité da UNIMA destacou “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta” de Morreu o Demo, sobre todo polo seu traballo na recuperación e difusión de Barriga Verde. É a primeira vez que un proxecto galego recibe este recoñecemento.

Os premiados son Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García e Xaime Iglesias, profesionais que levan traballando desde 2013 na investigación e divulgación do patrimonio titiriteiro galego.

Segundo a UNIMA, asociación vinculada á UNESCO, este certificado recoñece a persoas que teñen dedicado a súa vida á protección, divulgación ou investigación das formas titiriteiras, así como a aqueles están comprometidos activamente na protección e desenvolvemento deste patrimonio. A entrega dos certificados terá lugar durante o Congreso de UNIMA en Chuncheon, Corea do Sur, nunha data aínda por confirmar.

Morreu o Demo puxo en marcha varias iniciativas importantes para a recuperación do títere tradicional, como o DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde: De feira en feira ou desde 2019 o proxecto educativo Da Barraca á Aula, que achega o títere aos centros educativos. Ademais, organiza en Rianxo desde 2016 o festival Titiriberia, o único na Península especializado no títere tradicional.

A figura de Barriga Verde, un títere moi popular en Galicia durante o século XX, foi fundamental na historia cultural da rexión, representando unha forma de teatro autóctona, similar a personaxes de marioneta europeos como Guignol, Punch ou Pulcinella. Grazas á colaboración da familia Silvent, que conserva as pezas orixinais do espectáculo, a asociación puido avanzar no seu traballo de recuperación.

Ademais da proposta galega, UNIMA recoñeceu outras iniciativas estatais e portuguesas, como o Betlem de Tirisiti e os Bonecos de Santo Aleixo. O comité de selección estivo formado por expertos de Francia, Estados Unidos, India e España. Está previsto que a listaxe de homenaxeados se actualice cada dous anos.

Artigos relacionados