O novo espectáculo, que poderá verse o venres 26 de xaneiro, explora o universo do turismo de masas e a intelixencia artificial a través do humor absurdo
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a estrea de ‘Non é unha canción’ o próximo 26 de xaneiro ás 20.30 horas. Este novo espectáculo da compañía galega Souvenir, con entradas xa á venda en Ataquilla, busca reflexionar sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a partir dun humor absurdo e singular.
O texto de ‘Non é unha canción’ foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en lingua Galega (AELG) e o galardón supuxo a estrea da peza no teatro coruñés.
Esta compañía de teatro contemporáneo e artes do movemento está dirixida por David Alonso e María de las Llanderas, aos que lles encanta recoller estímulos accidentais da rúa aos que chaman “souvenires” e que logo serven de materia prima nas súas pezas.
Con este novo espectáculo buscan abrirse a un xeito de traballar onde a intuición, o xogo e o inconsciente teñan un rol principal. Así experimentan co humor absurdo e existencialista para “reivindicar unha forma de estar no mundo improdutiva e inútil”, segundo indican, ao considerar que non hai nada máis antisistema no século XXI que perder o tempo.
As preguntas que guiaron a creación de ‘Non é unha canción’ foron algunhas como “Se non escenario puidésemos facer o que realmente quixéramos, sen ningún tipo de limitación, cales serían as nosas fantasías máis salves?” ou “Que sucede cando os universos creativos de dúas persoas teñen que confluír para materializarse?”.