A creadora presentará a súa nova proposta no Teatro Rosalía o vindeiro 19 de abril.
O Teatro Rosalía da Coruña acollerá o vindeiro 19 de abril ás 20.30 horas a estrea de ANÖA, a nova proposta da coreógrafa Elvi Balboa. O espectáculo enmárcase no programa TRC Danza e segundo a creadora “contémplase como un ritual que ten a vontade de mostrar a máscara que nos impoñemos, a vulnerabilidade de cinco corpos en movemento que anhelan chegar ao clímax”.
A viaxe coreográfica desenvólvese en tres fases: o corpo premonitorio, o corpo climático e o corpo liberado. “Un espectáculo de danza pensado como un acto de insistencia e resistencia, unha acumulación de enerxía sensual, movemento e voz para acadar unha liberación catártica”, resume Balboa.
A obra recorre á importancia da voz e a un elemento ficticio, concretamente unhas jumping boots, para evocar a idea de modernidade líquida de Zygmunt Bauman. A coreógrafa afirma que “a súa estética lévanos visualmente cara ao tecnolóxico e supoñen unha limitación física que nos permite investigar o que nos frea e nos bloquea, indagando así na carga psicolóxica e a necesidade de liberación a través da linguaxe do movemento”.
ANÖA está coproducida polo Centro Coreográfico Galego e dirixida pola propia Balboa. O elenco de intérpretes está formado por Marina Capel, Berta Pascual, Joel Pradas, Joan Aguilà e Lucía Bocanegra.