A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia celebra un ciclo de portas abertas no que o público poderá asistir ás estreas dos Obradoiros Integrados de 4º curso, unha mostra do traballo creativo do alumnado na recta final da súa formación.
A escena como espazo de aprendizaxe
A ESADg comparte este mes o resultado dun dos momentos clave da formación escénica. Trátase dunha dinámica na que o alumnado ten a oportunidade de estrear, a portas abertas, as pezas creadas e interpretadas por eles mesmos. Estas, funcionan como proxectos finais de carreira e reflicten tanto a súa autonomía artística como os procesos de investigación escénica levados a cabo durante o curso.
O ciclo, que se desenvolve na Sala Pedra Seixa con entrada libre e funcións ás 18.00, inclúe tres propostas escénicas diferentes que permiten achegarse á diversidade de linguaxes e enfoques presentes na formación teatral contemporánea.
A primeira das estreas, State Affaire, puido verse os días 11 e 12 de marzo. A proposta, creada por Nicole Babarro e Noa López a partir dun texto de Robin Soans, constrúe unha mirada escénica que nace dun proceso de documentación e traballo de campo con asociacións galegas, entre elas a histórica Érguete, dedicada á axuda ás persoas con drogodependencias. O elenco estivo formado por Carla Andrade, Álvaro Cima, Alba López, Laura Pampín, Patricia López, Iván Rodríguez, Sandra Folgar e Iván Bermúdez.
A programación continúa esta semana cos pases de Ventos de Elsinor, previstos para os días 17 e 18 de marzo. O espectáculo parte do texto Lenda Escandinava do dramaturgo Manuel Lourenzo, cunha dramaturxia de Olga Míguez e dirección compartida por Roberto Vázquez e Inés Gómez Queiruga. Sobre o escenario participan Celia Rodríguez, Alba Silva, Érika Barbosa, Estevo Pérez, Nuria Vázquez, Uxía Suevos, Nicole Rodríguez e Teo Piñeiro.
O ciclo pecharase os días 25 e 26 de marzo con Un consumidor feliz, unha proposta do grupo de Interpretación Xestual con dramaturxia de Leire Gil e dirección de Paula Barcala. A peza sitúa a acción nos Supermercados Paraíso, un lugar onde os clientes viven fantasías imposibles que os fan regresar unha e outra vez, mentres unha realidade máis escura se agocha detrás dos estantes. O elenco está formado por Bruno Núñez, Candela Martínez, Claudia del Río, Rosalía Alonso, Maruxa Gemperle, Ío Blanco e Sandra Zarco.
Con este ciclo, a ESADg ofrece unha oportunidade para que o público se achegue ao proceso formativo e descubra o traballo das novas xeracións de intérpretes e creadoras. Ao mesmo tempo, a iniciativa insírese na celebración do Día Mundial do Teatro, convertendo o mes de marzo nun momento especialmente significativo para as artes escénicas.


