A asociación imparte cursos e obradoiros de formación circense na súa nave de Santiago. Adultos e pequenos conviven nun espazo único en Galicia e desde o que descobren vocacións e fan canteira para unhas disciplinas que se van equiparando pouco a pouco con outras artes escénicas.
Acróbatas de tres anos, equilibristas de oito e malabaristas de catorce. Ese é o circo que ten montado Circonove en Santiago cos seus cursos e formacións para rapazada. Esta asociación de artistas, que funciona de xeito asembleario, chegou para facer canteira e construír un espazo de expresión, aprendizaxe e sobre todo diversión para pequenos e tamén maiores. A súa historia vén de lonxe e ten orixe no colectivo Pistacatro —formado por xente do circo, teatro, cabaré ou artes plásticas—, que impulsou no seu día as Festas do Circo da Sala Nasa (Santiago) e demais actuacións en vilas galegas. Entre todos constituíron a asociación, que é a vertente social do proxecto, e puxeron en marcha a única escola de circo que hai en Galicia, onde aprenden cativos, adolescentes e adultos.
“Circonove é un sitio moi de dicir que si. Nas visitas dos colexios vemos que os rapaces veñen moi capados e con moitas normas de non, non e non, pero aquí poden facer o que queiran aprendendo e sabendo como facelo”. Así o explica Isla González, un dos socios e profesores dunha escola que xa leva máis de unha década formando centos de persoas en varias disciplinas. Primeiro abriron no Milladoiro (Teo) e desde hai uns anos teñen a súa nave en Compostela, preto do centro comercial As Cancelas, onde contan cun espazo ateigado de equipamento e todo tipo de trebellos para a práctica circense.
Entre a súa oferta formativa hai cursos de iniciación e outros máis específicos dependendo do obxectivo de cadaquén: aéreos, verticais, preparación física ou clown son algúns exemplos. Os grupos son de diversas idades e no caso dos máis cativos xa hai actividades a partir dos tres anos. “Cos pequenos facemos precirco, que máis que nada é xogar con eles usando os nosos elementos. Adaptámonos moito a cada neno, vamos con calma e a partir de aí van aprendendo. Logo con oito ou nove empezan a subirse a sitios e a partir dos doce deciden no que se queren centrar”, conta Isla.
En canto aos grupos, actualmente nos obradoiros —a partir de seis anos— teñen arredor dunha ducia de rapaces, máis ou menos a metade que había antes da covid. Daquela eran grupos máis grandes e de bastante nivel porque xa levaban anos na escola, pero coa pandemia houbo algúns que o deixaron ou engancharon con outras actividades. “Foi un pouco como que volvemos comezar de novo, pero imos a máis. Os que leven uns anos acabarán traendo os seus amigos porque o boca a boca funciona moito”, sinala o profesor e malabarista, quen tamén dá conta da reacción das familias cando ven os seus fillos e fillas nas mostras que fan no final de curso. “Hai algunhas que teñen idea de que vai o circo e outras que non. Cando ven os rapaces facendo aéreos alucinan”, di.
Ademais do exercicio físico e o divertimento, Circonove cumpre outra función se cadra máis importante que esas dúas: as súas formacións serven para vencer medos e aprender a manexar sentimentos. “Ao principio os malabares poden ser algo frustrantes para os nenos, pero facémolos igual porque o circo é iso: se non che sae algo, tes que traballar porque con esforzo podes conseguilo todo. Cando lle poñen ganas e melloran, flipan”, afirma Isla. Nese sentido, á nave chegan alumnos que antes pasaron por outras actividades extraescolares que pouco tiñan que ver co circo e que non encaixaban para nada co carácter de moitos deles. “Algúns veñen de deportes competitivos cos que sufrían porque lles daban moita caña e hai que entender que moitos nenos non queren competir. Aquí é distinto porque o circo é como a ximnasia competitiva, pero sen competición. Só compites contigo mesmo para superarte, pero non promovemos a rivalidade cos compañeiros nin con ninguén”, resume o profesor.
Entre o alumnado hai rapazada que aposta forte e acaba vivindo do circo dunha forma ou outra, compaxinando en moitos casos as actuacións con impartir cursos e formacións para outra xente. É o caso de Luz García, que pasou por Circonove hai anos e que logo ampliou a súa experiencia en lugares como Cataluña ou Portugal. Agora volveu a Santiago, está a preparar un novo número de acrodanza e lembra o seu paso pola escola con moito agarimo: “Empecei aos seis anos cando a nave estaba no Milladoiro e os sábados había obradoiros para nenos. Daquela eramos moi poucos, pero pasabámolo moi ben porque xogabamos a facer circo”.
Logo desa etapa comezou nas clases de adultos, sendo ela sempre a máis pequena, e combinando horas de instituto polas mañás e de circo polas tardes. “Pasei moito tempo xogando, aprendendo, adestrando, compartindo… A día de hoxe as persoas que foron os meus profesores son amigos e amigas”, conta a artista, quen está ben agradecida polo ánimo que lle deron os seus profesores para ir estudar fóra. “Animáronme a marchar e formarme profesionalmente. Circonove aportoume a ilusión de poder vivir facendo circo, aínda que por momentos sexa complicado”.
Ela é o exemplo do que consegue a xente de Circonove co seu traballo: descubrir vocacións e facer canteira con distintas idades —alén dos máis novos, hai adultos que tamén se forman na nave— para o circo galego. Á escola chega rapazada da contorna compostelá, mais tamén de outras partes de Galicia, como por exemplo Vilagarcía. “Cando eu empecei hai 20 anos non había tanta información. Agora a xente empeza supernova e de aquí saen con moito nivel para logo entrar noutras escolas de circo de España ou Europa”, apunta Isla González. El mesmo anticipa un auxe do circo e está convencido de que se vai equiparar con outras artes escénicas nos vindeiros anos. Por que? Isla teno claro: “Porque á xente lle mola velo, pero tamén facelo”.