O 26 de outubro, o Teatro Municipal de Vigo acolle a nova creación de Antagonista Teatro. Baseada nun texto orixinal de Jose Vaquero, a obra retoma o mito de Medea para explorar os mecanismos invisibles do patriarcado.
A trama de Insubmisa céntrase nunha muller acusada dun crime, onde o debate vai máis aló da culpabilidade, enfocándose no seu estado mental. Un psicólogo é o encargado de diagnosticarlle unha posible enfermidade, pero a complexidade da muller fai difícil clasificala. A obra cuestiona o control social sobre as mulleres e deixa unha reflexión chave: pode unha muller ser libre se a súa historia é escrita por homes?
A peza está concibida a través do formato clásico do agón, ese combate verbal que vertebra as traxedias gregas, pero con elementos contemporáneos. Insubmisa combina danza, música e teatro nunha proposta que convida aos espectadores a acompañar ás personaxes nunha viaxe de autocoñecemento, levándoos a cuestionar a súa propia perspectiva sobre o poder e as súas implicacións na vida das mulleres.
A obra denuncia as etiquetas e estigmas que o patriarcado impón e as personaxes fluctúan entre a realidade e o mito, amosándonos que ambos mundos son, ao fin e ao cabo, o mesmo. O público, confrontado coas súas expectativas, será convidado a unha reflexión sobre a verdadeira liberdade e a influencia das estruturas patriarcais nas nosas vidas.

Este é o segundo espectáculo de Antagonista Teatro, compañía afincada no Carballiño, que debutou con Coma e Punto, unha obra que trataba a saúde mental e o suicidio dende unha perspectiva intimista. Con Insubmisa, a compañía reafirma a súa aposta por un teatro que aborda a condición humana dende o concreto, dialogando sobre temas universais que resoan en cada espectador.
A dirección corre a cargo da bailarina e coreógrafa Marta Alonso, quen lidera o acompañamento de movemento e coreografía, e de Pepe Domínguez, director de escena. Xuntos, crean unha posta en escena que promete unha experiencia multisensorial, onde a danza e a música acompañan o drama nunha narrativa rica en imaxes visuais e emocións.
No elenco, destaca a actuación de Iria Sobrado, quen dá vida a unha Medea contemporánea, e comparte escenario cos fundadores da compañía, Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo. Trátase dun equipo comprometido con levar á escena temas de relevancia social e cun marcado acento local, representando a forza creativa de Carballiño e Ourense.