A mocidade de hoxe en día —insira crítica—

Outros

A comprensión interxeracional nunca foi unha leira excesivamente coidada. O cuestionamento dos valores e códigos dos máis novos adoitan atoparse no menosprezo polas súas formas de ocio. E, digo eu, como unha adolescente vai querer ler os clásicos se de cativa non se lle leron Os Bolechas ou Fina Casalderrey. A nosa literatura infanto-xuvenil viviu un certo auxe cando os narradores galegos se decataron de que non se pode pretender crear escola sen acoller discípulos. Pois co teatro máis do mesmo.

Ningunha forma de ocio se debe crer superior a outra, mais o “pero” vén da mercantilización da cultura e a consecuente homoxeneización cultural, que subordina as creacións humanas ao rédito económico. Dende este recuncho do mundo e sobre os mundos que nacen dos recunchos que son os escenarios, semella perigar o teatro galego fronte a, por exemplo, o audiovisual baixo demanda. Por suposto, estes non son opostos, o problemático non está en que “a mocidade de hoxe en día non fai máis que ver series”, senón no devecer das artes escénicas.

Achegar os máis novos ao teatro non é procurar unha actividade coa que entretelos un cacho, é ensinarlles un novo lugar dende o que ver a realidade e desfrutar con eles. A responsabilidade recae sobre as familias e docentes, pero tamén sobre os creadores e creadoras.

O topiquísimo “a mocidade de hoxe en día —insira crítica—” débese traducir como “dei por feito que a miña cultura e cosmovisión eran universais e, ao fallar en transmitila a través da educación, sáeme o xenio e boto balóns fóra”. Aquí non hai meteoritos, a extinción só pode vir da renuncia e do descoido do que virá despois.

Artigos relacionados