A proba deu positivo: atopouse un códice medieval en galego

Outros

“Fixemos a proba do carbono-14 e deu positivo”, explican xa sobre o escenario os actores e actrices de Arte sen guión, o primeiro espectáculo teatral para público adulto da compañía Galeatro, coproducido polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura. E en que deu positivo a proba? En atopar un códice medieval cun texto teatral en galego tras ser roubado por un obreiro da Catedral. Vaia coas casualidades! A partir desta premisa, será o público o encargado de ofrecer contido para a improvisación dos diferentes libros que se van abrindo nunha estrutura previamente marcada.

Existiu o teatro medieval galego? Arte sen guión trata de responder a esta pregunta e artéllase en cinco libros e un epílogo a través de temáticas como a loita entre o pecado e a virtude, a cantiga de amigo de Carmen Códax, o romance das virtudes, os contos de taberna, a Santa Inquisición e a tradición oral. A partir desta estrutura, o espectáculo complétase coa improvisación en directo a partir de pecados, virtudes e frases medievais que o público foi escribindo antes de entrar no auditorio. Os papeliños gárdanse agora no interior do achado códice da Idade Media para ir descubríndose algúns deles ao longo do espectáculo.

“Roubouno un obreiro da Catedral”, cantan ao comezo da obra tras ser achado un códice medieval en galego. Sen dúbida, un símil do acontecido co famoso Códice Calixtino hai xa máis de 10 anos. “O Códice Calixtino está presente porque é un referente, é o máis famoso, pero realmente optamos por un códice teatral inventado”, comenta Alba Bermúdez, actriz e un dos piares de Galeatro.

Doses de diversión para o público e dificultade para os actores e actrices en escena: Alba Bermúdez, Miguel Canalejo, Tone Martínez, Diana Sieira e, coa parte musical, Nacho Martín. Improvisar, resultar divertidos e dar sentido a frases que non o teñen… sen dúbida, todo un desafío!

Arte sen guión xorde trala residencia Clásicas desfeitas que Galeatro realizou en 2022 no Gaiás. “O reto para nós foi traballar algo medieval. Desde a Cidade da Cultura e o CDG propuxeron reivindicar un clásico e escollemos o contexto medieval.  E teatro medieval en galego…. se o había non se coñece. Só o Entremés famoso sobre da pesca no río Miño e pouco máis.Podemos dicir que ata a nos axudou a resolver o tema”, explica Alba. Non obstante, ela tamén recoñece que a improvisación é difícil, sobre todo para estar ao día en temáticas complicadas que poidan saír nos papeis do público.

Foto: Manuel G. Vicente

Declárome culpable deste pecado: comer panettone. Sen ser Nadal, claro. Que é máis pecado aínda. Gula tamén se podería chamar. Entre tantos escritos, foi o meu papeliño o que entrou no xogo da improvisación na escena na que unha das actrices, atrapada na guillotina, tiña que adiviñar de que se lle acusaba. Mentres non acertou, parte do público saíu das butacas para lanzar verduras de xoguete. O xogo foi máis fácil do esperado: pan + Tone, o nome dun dos actores (Tone Martínez, o outro piar da compañía). As risas estiveron aseguradas!

Alén da pura diversión, a peza tamén fai oco para a reivindicación de temáticas como o feminismo e a promoción do galego. E, por suposto, a importancia de recuperar e darlle o lugar que merece á oralidade. “Que non se escribise non quere dicir que non pasase”. Ben certo. A historia e a cultura non só se compoñen do que queda escrito, senón que llo digan a todas esas avoas pandeireteiras que nos deixaron sabias coplas no imaxinario. Arte sen guión convértese nun tributo á oralidade e esa frase entre comiñas que nos din case ao final é boa proba da súa intención. A parte improvisada non está escrita, non se repetirá. Pero iso non quere dicir que o espectáculo non pasara.

Artigos relacionados