Non son poucos os quilómetros que fan os traballadores das nosas artes escénicas para levar as súas historias por Galicia adiante. Artistas, técnicos, produtoras e demais profesionais do noso sector saben ben o que é vivir na estrada e comer no primeiro lugar que atopan, mais tamén saben onde serven os mellores xantares do país. A experiencia que atesouran medra ano tras ano! Estes son os lugares imprescindibles de…
Pepo Suevos (Monologuista e actor)
Suevos é máis de prato que de bocadillo, mais non sempre é posible comer en mesa cando un vai de ruta. “Creo que teño comido máis no coche que en restaurantes. Ás veces hai que amañar co que hai nas gasolineiras ou nas máquinas de vending. Coller unhas patacas, un sándwich enlatado e que dios reparta sorte”. Iso si, sempre que pode prefire sentar e aproveitar para facer un pouco de vida social mentres come ou cea. “Se hai poucas posibilidades de atopar sitio, vou de cabeza ao primeiro que encontro, pero se xa coñezo algo na zona procuro deixar reservado. Gústame visitar a xente que coñezo onde sei que se come ben”. Pepo non ten claro cal é o seu top 3 restaurantes porque di que hai moitos sitios onde ten desfrutado, pero aquí nos deixa tres imprescindibles:
- A Gabeira (Ferrol). “Non é de batalla, senón de comida así máis elaborada. É dun meu e non teño moita ocasión de visitalo, así que sempre que actúo pola zona intento facer unha escapada. Traballan moi ben o peixe e o marisco”.
- O Túnel (Ponteareas). “Está preto do Auditorio Reveriano Soutullo e fun a primeira vez porque o vin aberto. Gustoume moito e sempre que vou por alí aproveito porque está moi ben”.
- Casa Barqueiro (Negreira). “É un sitio de chuletón e de xamón rico. Traballan moi ben a carne e teñen boas ameixas. Sempre que actúo pola zona intento cadrar e ir por alí. A todos estes trato de ir mesmo cando non é por traballo”.
Ángela Vila (distribuidora)
O habitual é que traballe na oficina ou teletraballe, pero a distribuidora de Urdime ten varios momentos no ano nos que fai bastante quilómetros. Reúnese coas programadoras culturais dos concellos, sobre todo no primeiro trimestre, e tamén viaxa algunhas fins de semana para ver estreas e asistir a feiras. “Cando viaxo adoito comer no medio da ruta ou cando chego ao destino”, conta Vila, máis partidaria do menú que do prato ou o bocadillo. Se non ten ningún establecemento na cabeza, tira de amigas ou de Google á hora de escoller. Iso si, na súa lista de favoritos hai uns cantos. Aquí van tres:
- Hui Kitchen (Santiago).
- O Trece (Santiago).
- A de Rafael, Casa Lodeiro (Gres, Vila de Cruces).
Marta Doviro (Actriz e monologuista)
Doviro ten experiencias de distinto tipo segundo o traballo que lle toque. Se está gravando, come co resto de compañeiros onde escolle o equipo de produción, mentres que cando fai monólogos ás veces xa o fai no propio lugar onde sexa o evento. Se é día de teatro, adoita cear na casa. E para outras ocasións, tira de favoritos ou proba algún sitio novo cando non hai ningún que coñeza pola zona. “Se me cadra fóra pois intento buscar información en Internet. E se hai algún preto que xa controlo, vou ao que xa controlo”. E restaurantes concretos? Marta Doviro recoméndanos estes:
- Restaurante San Martín (Corcubión). “Un clásico da vila. Relación calidade/prezo top. Peixe bo, racións abundantes e menú do día! Un plus: ten terraza con vistas ao porto”.
- Casa Chelo (Arzúa). “Coñecín esta casa de comidas nunha gravación dun programa e volvín varias veces. Comida caseira, ambiente e trato familiar. Tamén con menú do día e económico!
- A Corre Vexeta (Santiago). “Restaurante vexetariano pequeno e con encanto. Se tes ganas de algo rico e especial, chama para reservar!”.
Aigi Boga (fotógrafo)
Case sempre lle toca buscar onde comer, xa que cando traballa o habitual é que pase media xornada ou o día enteiro fóra da casa. Nas cidades máis grandes non adoita ter problemas para atopar as opcións vexetarianas ou veganas que sempre busca, mais outras veces ten que improvisar. “Nin menú do día, nin prato, nin bocadillo. Son de modo supervivencia, sempre buscando o básico: patacas fritas, ensalada e tortilla. E en moitos sitios só me fan as patacas, nin ovos nin nada!”, conta o fotógrafo, que ten estes sitios entre as súas referencias:
- Entre Pedras (Santiago).
- Koh Lanta (A Coruña).
- Hervor e Fervor (Santiago).
Laura Sixto (produtora)
Na variedade está o gusto. Sixto sábeo ben e por iso escolle lugares ben distintos alá onde lle toca traballar e levar o seu equipo. Para proba as súas tres recomendacións:
- Casa Currás (Lalín). “Caéronme as lágrimas coas anchoas que nos puxeron de picar”.
- O Frade (Ourense). “Traballando na zona só queríamos comer a súa tortilla con cebola”.
- O Neno Trasto (Tui). “O mellor: a robaliza frita e o takoyaki de polbo”.