A Sala Ártika convida a formar parte da cultura na súa nova temporada teatral

Outros

A Sala Ártika de Vigo presentou a nova programación teatral para o último trimestre do ano 2023 baixo o lema “Ti es parte da cultura”. Con esta mensaxe, a sala convida a gozar coas 25 propostas que pasarán polo seu oasis de artes escénicas na cidade. O obxectivo é achegar ao público un programa variado con propostas de danza, teatro familiar e adulto.

A temporada teatral comezará a última fin de semana de setembro con tres pezas do XXI Circuíto de Creación Escénica Contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos, da que en Galicia só forma parte a sala viguesa. O público poderá ver Bianco, de Labú Teatre (Cataluña), Ellos y yo o esa sensación de que los árboles te miran, de Jordi Font (Cataluña), e Mímesis, unha proposta para a primeira infancia da compañía asturiana Zigzag Danza.

A Sala Ártika tamén acolle unha boa dose de risas co IV Festival Comediártiko, que terá lugar do 7 de outubro ao 19 de novembro, grazas aos espectáculos Como ser superwoman y no morir en el intento, de Impulso teatro; Curva España, de Chévere, Inestable, de Sutottos; Tres cosas, de Sala Cero Teatro; La biblioteca imaginaria, de Arbolé e o musical familiar Hechizados, da Compañía Off. Destaca a presenza de A Panadaría, que volven á sala con As que limpan tras ser as grandes gañadoras dos María Casares 2023.

As que limpan volve á Sala Ártika tras encher todas as funcións a temporada pasada | Foto: Leticia T. Blanco

Como novidade, este ano a sala Ártika presenta una programación estendida con tres espectáculos que terán cita no ambigú: Anacos, de Ítaca Teatro; Narracións imprevistas. Literatura repentina, de Jorge de Arcos e Santi Prego, e Marcho que teño que marchar, de Bea Campos. Completan a programación os espectáculos de danza Un momento oportuno de Provisional Danza e O raro é que bailar sexa raro de Vacaburra,; e Colors, un espectáculo onírico e de teatro visual de Estudi Zero Teatre.

Feo!, de Caramuxo, é unha das propostas de teatro infantil para o mes de Nadal | Foto: Corsino

Nadal, teatro e infancia

Para rematar a temporada e o ano, a Sala Ártika dedica a súa programación ao público infantil. Será no marco do IX Festival Pequeártiko de Nadal que terá lugar do 22 ao 31 de decembro e traerá compañías galegas e de todo o estado. Os nenos e nenas poderán ver as pezas Molly y el Gigante (La Machina Teatro), Tras los pasos de Peter Pan (Teatre de La Caixeta), Feo! (Caramuxo Teatro), A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz (Teatro del Andamio), O xardín de vila gris (Fulano, Mengano e Citano), Superchica (Bambalúa), Aupapá (Zigzag Danza), Burbuja (Títeres sin cabeza) e A nena e os tres osos (Migallas teatro).

As entradas para todos os eventos xa están á venda na web da sala.

Artigos relacionados