Nun acto aberto ao público que contou coa presenza de Jacobo Sutil, director da Agadic, Gorka Gómez, conselleiro de Cultura e os directores da Sala Ártika Fernanda Barrio e Marcos Alonso, a sala viguesa deu a coñecer os espectáculos que pasarán na segunda metade do ano por este espazo que leva dez anos apostando polas artes escénicas.
Vinte e nove compañías pasarán pola sala viguesa, levando á cidade 42 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Unha programación completa e variada coa que o espazo festexa dez anos de resistencia cultural en Vigo. Este aniversario é, como remarcou Fernanda Barrio na presentación realizada este luns dez de xuño, “un valor engadido ao ser dez anos formando, programando, resistindo e, sobre todo, apostando pola cultura galega e internacional, que se consolida coas boas relacións xestadas durante os últimos anos co país veciño”.
Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou unha vez máis o apoio estable que a Xunta de Galicia ven realizando á sala a través do sistema de subvencións, onde a comisión valorou moi positivamente o labor importante que desde a iniciativa privada se ven realizando, durante dez anos, destacando a profesionalidade, a comunicación e a oportunidade que se lle vén dando a moitas compañías galegas ofrecendo este espazo como lugar de estrea de moitas compañías novas e consagradas. Tamén incidiu no traballo realizado pola sala para consolidar e atraer novos públicos ao teatro.
Esta mensaxe viuse reafirmada coas palabras do Concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, quen destacou o espazo como ente democratizador do acceso á cultura no concello de Vigo, permitindo á xente achegarse ás diferentes manifestacións culturais que se programan na sala.
Esta nova tempada dará comezo o seis de setembro coa realización do circuíto FEGATEA de teatro amador organizado pola compañía Fauna 113, creada na propia Sala Ártika. As entradas están dispoñibles na web sa sala.
Toda a programación
- Do 6 ao 15 de setembro · Festival FEGATEATRO de teatro amador
- 21 e 22 de setembro · Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro
- 28 e 29 de setembro · Rumbo a Farout, de Onírica Mecánica
- 5 e 6 de outubro · Blink Magik, de Blink Flash
- 12 e 13 de outubro · O pequeno poni, de Redrum
V Ciclo de Comedia Comediártiko
- 19 e 20 de outubro · Paella, de Tarambana espectáculos
- 26 e 27 de outubro · Neura, de De Ste Xeito producións
- 2 e 3 de novembro · Charco a la vista, de Utopian teatro
- 9 e 10 de novembro · As que limpan, de A Panadaría.
- 16 e 17 de novembro · ¿Y ahora qué?, de Producciones Circulares
- 23 e 24 de novembro · Non pasarán, de Ártika Cia
- 30 e 1 de decembro · Seguimos enteras, de Provisional Danza
- 14 e 15 de decembro · Dopaland, de Cia Sala Fénix
- 21 e 22 de decembro · La odisea de nuestra vidas, de Cia Inestable
X Pequeártiko de Nadal (Teatro familiar)
- 23 de decembro · Frankristina, de Bambalua
- 24 de decembro · Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cia
- 26 de decembro · Bule-bule, de Os náugrafos teatro
- 27 de decembro · Celeste, de Luz, micro y punto
- 28 de decembro · Quien dijo miedo, de Laviebel
- 29 de decembro · Uns sobre os outros, de Companhia Certa
- 30 de decembro · La oruga de colores, de Títeres sin cabeza
- 31 de decembro · Garabanciña, de Migallas teatro