O auto do Castromil, galardoada no III Certame de Proxectos Teatrais da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, é unha viaxe pola conciencia nacional.
A peza percorre diferentes obras publicadas polo escritor Manuel María nunha marcha pola Galicia insconsciente. Nesta andaina e a través da propia escritura do autor, evidénciase a súa característica visión da nosa historia.
Trátase dunha obra que nace da reunión de narracións fragmentadas, procedentes de diferentes relatos e publicacións, unidas mediante a procura da conciencia nacional. Este sentido é desenvolto a través dunha épica rebelde nun constante xogo teatral, que alterna os relatos e os personaxes nun axetreo incesante de diálogos, personificacións e co humor sempre presente.
A viaxe comeza no Castromil, o transporte público galego de referencia. A bordo deste vehículo atópase Otero Pedrayo, quen se encamiña cara Ourense. Mais, a verdadeira viaxe orixínase cando Don Ramón, como consecuencia da súa somnolencia, decide pechar as pálpebras e adentrarse -canda nós- no mundo dos soños. Neste periplo onírico, non só imos asistir á natureza intrínseca na obra de Manuel María, senón que tamén pesarán as características da escritura de Pedrayo.
Para representar esta esencia, asistimos a múltiples contos que nos pasean pola historia máis afastada, até a máis actual; percorrendo tamén estados de ánimo e sentimentos que caracterizan ó pobo galego. Trátase dunha historia de loita e derrota, mais dunha derrota que acaba en rebelión en prol da subversión e contra o derrotismo hereditario.
A historia congrega a multitude de personaxes que son representados a través da audacia e da profesionalidade de dúas brillantes actrices como son Patricia Vázquez e Rocío González e as fantásticas interpretacións de Víctor Mosqueira e Marcos Orsi. Unha dramaturxia elaborada e dirixida por Quico Cadaval.
Un delirio constante que nos fala das peripecias de Carlomagno e o Apóstolo Santiago, dos papeis que xogaron a Revolución Irmandiña e tamén a Revolución de 1846, protagonizada polo comandante Miguel Solís ou, directamente, dos entremeses da OTAN. Entre todas estas liortas, a equipaxe -que tamén conta coa súa pasaxe de ómnibus- cobra vida, co fin de introducir á audiencia en cada relato. Cada maleta, como non podía ser doutro xeito, conta coa súa personalidade, a súa perspectiva e os seus propios intereses. Asistimos a historia nacional e a cultura popular na máxima da súa retranca.
Achegándonos á actualidade e tomando o humor por bandeira, a peza lémbranos a necesidade de valorar a riqueza propia e faino personificando a conciencia que, dende o comezo, se procuraba. Unha eterna viaxe para nos ceibar das cancelas -físicas e mentais- que, aínda vixentes, nos apresan.
Sobre as táboas, malia contar cunha escenografía coidada e versátil, na que todo e nada sucede ao redor dunha pesada bagaxe, a indumentaria celebra o seu protagonismo ao redor de cada personaxe e de cada historia.
Existe, ademais, un compoñente audiovisual enriquecedor, que dá orde de comezo e peche á obra. Este soporte proporciona o contexto desta viaxe a bordo do recoñecido coche en liña e supón a base da estrutura circular coa que se dota á obra; voltando de novo ao mundo real, dende as partes máis fondas do mundo imaxinario.
Esta coprodución de Producións Excéntricas e o Centro Dramático Galego foi galardoada no III Certame de Proxectos Teatrais da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Iniciada a súa xira no ano 2023, continúa a súa andaina neste 2024.