Coa dirección de Esther Latorre e Hugo Pereira, catro intérpretes habitan un espazo de transformación física e poética, onde o movemento evoluciona constantemente. A estrea marcou o inicio dunha xira que percorrerá Galicia, Portugal e Estados Unidos, mantendo viva a investigación da compañía sobre o encontro entre tradición e contemporaneidade.
O Colectivo Glovo estreou o pasado 16 de xaneiro en Vigo a súa nova creación, ALÉN, no Teatro Ensalle, cunha proposta que invita a percorrer o máis alá non como destino, senón como proceso. Interpretada por Esther Latorre, Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández, a peza explora ese intre no que algo remata e o novo aínda non tomou forma, xerando un tecido escénico en constante evolución.
A creación incorpora elementos da danza tradicional galega de forma consciente, grazas á colaboración de mestres como Iván Villar e Estefanía Gómez, permitindo que o tradicional non apareza como referencia, senón como enerxía viva que amplifica a potencia contemporánea do movemento. A proposta combina intensidade física, dimensión ritual e poética sensorial, buscando un tempo escénico distinto onde a percepción se expande.
A peza é unha coprodución do Centro Coreográfico Galego, AGADIC, Xunta de Galicia, con participación de Teatro Ensalle, Concello de Lugo, Concello de Ames, El Palacio. Residencias Artísticas y Acción Cultural de Gijón, Seattle International Dance Festival, Teatro de Vila Real e Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros. Tras a súa estrea en Vigo, ALÉN percorrerá outras cidades galegas como Lugo, O Barco, Ames, Carballo, A Coruña, Santiago de Compostela e tamén Xixón, ademais de varias localidades en Portugal e Estados Unidos.
Ademais desta estrea, Colectivo Glovo continúa en xira con TABÚ (2022), ALLEO (2022) e TRÏADE (2025), sumando máis de 35 funcións en 2026 entre Galicia, España e escenarios internacionais, consolidando así a proxección da compañía.


