‘Aquí Tou!’ despide a súa xira de outono cunha última parada en Ribeira

O monólogo máis persoal de Xosé A. Touriñán chega ao final da súa xira de outono. Despois de dous meses percorrendo auditorios e teatros do país, ‘Aquí Tou!‘ pechará o seu camiño o próximo 26 de decembro no Auditorio Municipal de Ribeira, con dúas funcións cuxas entradas xa están esgotadas.

A nova etapa do espectáculo iniciouse o pasado outubro e percorreu sete localidades: Carballo (durante o Festival Internacional Outono de Teatro), Ribadumia, A Estrada, A Rúa, Vimianzo, Salceda de Caselas e Rianxo, cunha acollida que sorprendeu a todos os niveis e volveu confirmar o fenómeno en que se converteu este monólogo desde a súa estrea.

A maior parte das funcións completáronse semanas antes e abríronse segundas (e incluso terceiras) sesións na maioría das localizacións, consolidando a relación directa entre Touriñán e unha audiencia que continúa a acompañalo nesta revisión humorística e emocional da súa propia vida.

Un retrato vital en clave de humor

En Aquí Tou!, Touriñán convida o público a percorrer con el os momentos calve da súa biografía escénica e persoal: desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un hipotético epitafio, cruzando lembranzas familiares, anécdotas improbables e escenas que forman parte da nosa memoria colectiva. O texto, creado xunto a José L. Prieto, combina realidade e ficción cun ton próximo, entrañable e cheo da picardía característica do actor. O resultado é unha peza que funciona como unha especie de confesión cómica e un espello no que o público pode recoñecerse.

Unha xira marcada pola complicidade

Esta xira de outono percorreu auditorios e teatros diversos, mantendo un fío de continuidade: a sensación de encontro. A xira comezou de maneira improvisada o pasado 3 de outubro no FIOT Carballo, e aínda antes de chegar ao ecuador da ruta había xa segundas sesións abertas en A Estrada, Vimianzo e Ribadumia. En Salceda de Caselas, Rianxo e Vimianzo, o público repetiu a mesma resposta: afluencia masiva, risas compartidas e ovacións que confirman o lugar que ocupa o espectáculo no imaxinario escénico galego.

Ribeira: a derradeira estación

A parada final chegará en Ribeira, que xa anunciara entradas esgotadas poucas horas despois da posta á venda. A función do 26 de decembro despide unha xira que volveu situar a Touriñán no centro da escena galega desde a honestidade e o humor.

Co peche desta ruta, Aquí Tou! reafirma a súa capacidade de facer comunidade arredor dun relato que pertence ao actor, pero remata sendo tamén das persoas que o escoitan.

Artigos relacionados