A Sala Ártika acollerá o I circuíto de Rutas Iberoamericanas en febreiro

Outros

O espazo vigués participa neste proxecto de internacionalización das artes escénicas con compañías de Arxentina, Chile, Portugal e España.

A Sala Ártika de Vigo súmase a outras nove salas españolas para acoller o I circuíto de Rutas Iberoamericanas, un proxecto de internacionalización das artes escénicas con compañías de Arxentina, Chile, Portugal e España. O programa enmárcase baixo o paraugas da Rede Iberoamericana de Espazos Escénicos (RIEE) e está impulsado e xestionado pola Sala Inestable.

Os espectáculos terán lugar na Ártika entre o 2 e o 25 de febreiro. A compañía galega Ártika Cía abrirá o circuíto este mesmo venres coa obra ‘Mosca’, que narra a historia de Pedro, un neno de dez anos que sofre acoso escolar. Logo chegará a compañía arxentina Zero10 da creadora Martina Cabanas Collel, coa súa comedia política ‘NOS’ que reflexiona sobre a esencia do pensamento totalitario e que se poderá ver o sábado 3 de febreiro. O domingo 4 o tamén arxentino Ignacio Tamagno presentará ‘La Sapo’, un poema escénico a dúas voces que indaga nas relacións entre o teatro, a poesía e a instalación visual.

As portuguesas Teatro Art’Imagem e Companhia Certa compartirán as súas creacións o 11 e o 17 de febreiro, respectivamente. O primeiro espectáculo e ‘Desumanização’, unha versión do escritor Valter Hugo Mãe, mentres que a segunda é unha peza para o público familiar chamada ‘DoNoDoNaDa’, construída como unha parábola sen palabras onde os xestos e movementos dos actores non precisan do texto para entenderse.

A compañía chilena é Teatro Apátrida e presenta ‘Medium. Chile estalla en la distancia’, inspirada nunha estrutura documental que indaga a través das testemuñas da revolución social acontecida en Chile desde o 2019. Este espectáculo terá lugar o 18 de febreiro na Ártika.

O peche do festival correrá ao cargo da compañía estremeña Karlik Danza con ‘María Zambrano; la palabra danzante”, unha homenaxe á filósofa española que se poderá ver o 24 e 25 de febreiro. 

Artigos relacionados