Galicia será a convidada especial do 55º Festival Internacional de Teatro de Manizales, onde se representarán cinco espectáculos de compañías galegas. O festival colombiano incluirá na súa programación os espectáculos ‘Continente María’ de Ainé e A Quinta do Cuadrante, ‘Alma de tigre’ de Elefante Elegante, ‘DeMente’ de Fran Sieira Compañía de Danza, ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro e ‘Orquestra de malabares’ de Pistacatro.
O próximo outono en Colombia descubrirán as artes escénicas feitas en Galicia. Galicia convértese no territorio convidado para este 2023 na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro. Esta recoñecida mostra colombiana é unha das máis antigas de Iberoamérica e, convidando a outros países, busca dar a coñecer entre o seu público outras culturas.
En Colombia descubrirán cinco historias da escena galega contadas a través de formatos diversos como o teatro, a danza e o circo. Así, somerxeranse na figura da actriz María Casares en Continente María, de Ainé e A Quinta do Cuadrante; coñecerán un espectáculo onírico e de forte impacto visual que mostra un peculiar reencontro familiar, tráxico e cómico ao mesmo tempo en Alma de Tigre de Elefante Elegante; reflexionarán sobre o cambio climático vivindo sobre as táboas o futuro distópico de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; verán como a música e o baile tradicionais galegos se converten nun espectáculo de danza que pretende concienciar sobre a saúde mental en DeMente, de Fran Sieira; e quedarán abraiados co ballet aéreo dos malabaristas en Orquestra de malabares de Pista Catro.
Creadas en Galicia, unhas contan historias máis nosas ca outras, pero todas comparten o mesmo espírito: a linguaxe das artes escénicas é universal ante os ollos de quen as desfruta. Son realmente necesarios estes intercambios para dar a coñecer os espectáculos feitos en Galicia, crear sinerxías entre os profesionais da cultura e derrubar fronteiras.
A Xunta de Galicia colabora nesta iniciativa, apoiando economicamente a participación dos cinco espectáculos elixidos pola organización do festival, co fin de promover a cultura e as artes escénicas no exterior.