Distopía e movemento no Alfonso Restrepo

O Teatro Alfonso Restrepo Moreno foi o terceiro espazo onde se “presentaron” as compañías galegas. Ibuprofeno Teatro fíxoo o día 1 e Elefante Elegante pechou, ao día seguinte, a participación galega nesta 6ª edición do Festival de Teatro y Música Comfama San Igancio.

Vista do público do Alfonso Restrepo Moreno. Foto: Aigi Boga

‘O mel non caduca’ é a obra de Santiago Cortegoso coa que Ibuprofeno Teatro viaxou a Colombia. Logo do seu paso polo Festival de Teatro de Manizales, o espectáculo interpretado por Marián Bañobre e Avelino González inauguraba as funcións no Alfonso Restrepo, situado enfronte ao Calustro San Ignacio e integrado nun edificio dedicado ás artes propiedade -como case toda a cultura en Medellín- de Comfama.

Este espectáculo propón dúas tramas diferenciadas, unha na que dous científicos pretenden crear unha abella a través do último tarro de mel conservado e outra na que dous irmáns intentan xestionar a herdanza da súa nai. A gran protagonista de ‘O mel non caduca’ é a obsolescencia programada, afondando na relación dos humanos coa natureza e a destrución causada polo capitalismo. As dúas tramas están fiadas mediante o movemento escénico e o humor ten moito peso na súa construción.

Marián Bañobre e Avelino González nunha escena de ‘O mel non caduca’. Foto: Aigi Boga

Ao igual que acontecera en Manizales, o público colombiano desfrutou da proposta de Ibuprofeno que mestura moi ben humor e crítica social co teatro narrativo e o clown.

Ao día seguinte, Elefante Elegante presentaba ao público de Medellín ‘Alma de tigre’. Este é un espectáculo no que o deseño escénico e a plasticidade sobresaen por riba de todo, “unha ensoñación revelada a partir da historia real de tres irmáns” en palabras do seu director, Gonçalo Guerreiro.

‘Alma de tigre’ de Elefante Elegante. Foto: Aigi Boga

En común co espectáculo de Ibuprofeno atopamos a preocupación polo futuro e a complexidade das relacións familiares. Esta é unha historia que transcorre nunha casa vida a menos na que coñecemos os segredos dos personaxes que teñen que decidir que facer con ese lugar que unha vez foi o fogar familiar e que agora semella mesmo unha maldición.

Pola contra, a proposta de Elefante Elegante encádrase máis no teatro do movemento e bebe da tradición do cimema mudo mentres se serve da estética pictórica para presentar unha proposta moi estimulante e que funcionou perfectamente no seu paso por terras Colombianas. Desde a butaca, por momentos, mesmo semella que estar a ollar para un cadro en movemento.

Pablo Sánchez, Mario Rodríguez, María Torres e Julia Laport en ‘Alma de tigre’. Foto: Aigi Boga

Rematadas estas funcións, as dúas compañías regresaban a Galicia cun balance moi positivo das experiencias nos festivais colombianos. A compañía de Fran Sieira regresou tamén logo dunha última función en Bogotá, mentres que Pistacatro viaxaban a Recife para participar no 17º Festival de Circo do Brasil.

Artigos relacionados