Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato exhibirán os seus espectáculos Crisálida, Amantis e Só en Camiño Escena Norte. Ademais, Marta Alonso Tejada, Os Náufragos Teatro e Paula Quintas Cía participarán na rede de estancias Cruzamentos.
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio de artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra a súa quinta edición do 17 de setembro ao 22 de outubro deste 2023. Un total de 15 compañías destas cinco comunidades foron seleccionadas para o circuito Itinerario Constelacións, unha programación que chegará a 60 localidades do norte peninsular para amosar o mellor da produción escénica destes territorios, cunha destacada presenza da danza e novo circo.
Representando a Galicia estarán as compañías Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato. Caramuxo Teatro xirará con Crisálida, o seu espectáculo número 25 co que a compañía cumpre 20 anos de traxectoria. Con esta comedia de máscaras para público familiar poñen en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado. Amantis. Selfies, sexting e outras formas de amar(se), de Rebordelos, é unha peza ideal para o público adolescente. Con humor e música, a obra explora a fenda xeracional entre nativos e non nativos dixitais, intentando comprender como inflúen as redes sociais, a igualdade e as novas masculinidades na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. Xampatito Pato fará camiño con Só, un espectáculo de circo cativador para público familiar.

Xunto ás producións galegas, xirarán Misery, de Saltantes Teatro; Luna, de Luz de Gas, e La bestia negra, de Proxecto Piloto (Asturias); Lear en las catedrales, de Ábrego Teatro; Circus Magníficus, de Malabaracirco, e Fronterizas, Mari Paula (Cantabria); Baby Esferic, de Aboon Teatre; Gorpuztu, de Eva Guerrero, e Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi), así como El rey tuerto, de Inextremis; Los Perros, de Led Silhouette, e Portamundos, de Levelibular (Navarra).
Cruzamentos
Outra das liñas fundamentais de Camiño Escena Norte é o programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías dos cinco territorios. A través desta iniciativa, as compañías residentes terán a oportunidade de compartir experiencias e recibir asesoramento por parte das compañías locais sobre a posta en escena dos seus proxectos.
Neste 2023, a proposta da galega Marta Alonso Tejada foi seleccionada para a estancia de Galicia. A artista traballará, xunto coa vasca Lasala, nos proxectos Shine e Dancin’ Queen. En Cantabria, o proxecto elixido foi o da compañía local Escena Miriñaque, que convida á galega Os Náufragos Teatro para investigar arredor dunha instalación-espectáculo inmersivo para bebés dentro de Meeting Baby. Pola súa banda, en Euskadi a compañía residente será a galega Paula Quintas Cía, que ofrecerá unha mirada externa sobre o espectáculo Me arrepiento da vasca Node. Finalmente, na estancia de Navarra, as compañías Dinamo Danza e Mari Paula investigarán sobre as pezas Lake e 5778K, Luz.