As artes escénicas galegas son as grandes protagonistas do Festival de Teatro y Música de San Ignacio

En pleno centro da cidade de Medellín resulta doado escoitar galego estes días. Ben, se cadra doado non é a palabra, xa que o balbordo no distrito da Candelaria fai complicado escoitar mesmo os pensamentos propios. En San Ignacio atopamos os tres espazos tomados pola expedición galega: A Plazuela, o Teatro Comfama e o Claustro de San Ignacio.

A Plazuela de San Ignacio, no corazón da Candelaria, é un lugar moi concurrido, onde se xunta todo tipo de persoas e na que se se poden ver todos os contrastes dunha cidade que non é a dos 90 pero na que a desigualdade e os estragos da drogadicción aínda son moi visibles. Xogadores de xadrez, vendedores ambulantes, traballadores dos múltiples teatros e centros culturais da zona, algúns turistas de camiño á Praza Botero, e participantes do festival conviven estes días neste pequeno espazo.

Na apertura da edición deste ano, xuntouse unha manifestación de extraballadores de Comfama cunha recepción de autoridaes, o concerto da pianista colombiana Teresita Gómez e un espectáculo de danza aérea que a chuvia e as protestas fronte ao teatro finanmente impediron. Para o bo e para o malo, Medellín é unha cidade na que a vida na rúa -algunha voluntaria, outras moitas non- fai que os estímulos visuais, olfativos e sonoros sexan tantos que son complicados de procesar. O vivido nesa xornada inaugural é unha boa mostra.

‘DeMente’, de Fran Sieira, un espectáculo que fala da enfermidade mental. Foto: Aigi Boga

O martes, as precipitacións e as protestas deron un respiro e a programación de artes escénicas -o festival ten tamén unha sección de música- comezaron con ‘DeMente’, da compañía de Fran Sieira. O baile e a música galega tradicional inauguraron a programación desta sexta edición. Baixo un sol imponente, os bailaríns e bailarinas galegas representaron unha obra profunda e delicada que mesmo conseguiu baixar os decibelios que inundan esta cidade desde ben cedo.

‘DeMente’ xira ao redor da evolución dos tratamentos a personas que padecen trastornos mentais, un tema sobre o que cada vez se presta máis atención, pero que na práctica aínda non ocupa un lugar central nas preocupacións sobre saúde pública.

A compañía de Fran Sieira. Foto: Aigi Boga

Coa fachada do Convento de San Ignacio de fondo, iluminada polos raios do sol filtrados polas palmeiras, o grupo de Fran Sieira ofreceu un espectáculo inmenso nun espazo reducido. Son danzas africanas? preguntaba un señor que detivo o seu camiñar ante a espectación xerada no medio da praza. A plasticidade e o sentimento de ‘DeMente’ -realizado nunha versión reducida para executar en rúa- marabillou ao público colombiano e emocionou tremendamente aos galegos que alí nos atopabamos. A saúde mental é o tema sobre o que se constrúe esta peza que leva enchendo teatros por toda Galicia e que formou parte da expedición galega a Colombia.

Pistacatro e a Filarmed no Claustro San Ignacio Comfama. Foto: Aigi Boga

Como de inauguracións ía o día, ás 19.00, Pistacatro facía a súa entrada, e vaia entrada, no Patio do Claustro Comfama, cuxas obras de remodelación remataran o día anterior. Este espazo, construído en 1803, foi un convento franciscano, posteriormente un colexio xesuíta, un cuartel, unha cárcere… e o primeiro escenario de teatro da cidade.

Acompañados da Filarmónica de Medellín, Pistacatro converteu nunha gran festa a apertura do novo espazo teatral da cidade. Malabares, clown, música… ‘Orquestra de malabares’ é un desbalde de enerxía en escena, unha proposta moi entretida, dinámica e atrevida, xa que precisa da complicidade da orquestra que os acompaña, que ten que saír dos formalismos asociados á música académica para participar dun show no que a música é a aparente protagonista, mais o público é o verdadeiro.

‘Orquestra de malabares’, de Pistacatro. Foto: Aigi Boga

Cada número levantou o aplauso do público, quen conectou axiña coa proposta e cos códigos transgredidos. Cando parecía que estaba no máis alto, chegaba un novo movemento que superaba o anterior. A proposta non era sinxela de poñer en práctica, á dificultade de que a orquestra se involucre no xogo, había que sumar un espazo escénico reducido de máis para a dimensión do espectáculo. A comedia sempre sobrepón aos atrancos e a ‘Orquestra de malabares’ foi un éxito total.

O público en pé neste primeiro espectáculo no Patio do Claustro. Foto: Aigi Boga

Logo dos aplausos, a expedición galega xuntouse na terraza do edificio, nun acto de presentación oficial na que o director da Agadic e a responsable de cultura do goberno de Antioquia recibiron as compañias participantes e falaron da necesidade de fortalecer relacións entre as artes de Galicia e Medellín. Certo é que logo destas primeiras experiencias, semella que a acollida do público colombiano ás propostas galegas é máis que positivo.

Artigos relacionados