Todas as carreiras teñen un comezo, un primeiro pisar por un camiño que dura meses, anos ou vidas enteiras. Sábeno ben os actores e actrices do noso teatro. Onde empezaron? Con que obra se estrearon sobre as táboas? Como recordan aquel momento? Estes foron os inicios de…
Marta Lado
A primeira experiencial teatral de Marta Lado foi nos tempos universitarios, cando estudaba Económicas en Vigo. Alí entrou no grupo de teatro universitario Teatro Luna, con ensaios xa avanzados e con falta de alguén máis para facer Bodas de Sangre. Así o recorda ela: “Facía un par de papeliños pequenos. Recordo sobre todos os ensaios e a análise de texto, empezar a coñecer a obra de Lorca e ver como se analizaban as obras para ver que significaba cada cousa. Lembro todo iso con moitísimo cariño”.
Logo desa experiencia chegarían os tempos de café-teatro e monólogos, xa a cabalo entre o afeccionado e o profesional, para acabar por montar unha compañía profesional (Lope de Vigo) cunha montaxe de nome ben suxerente: Ide todos ao inferno. “Era unha comedia tola de todo na que eu facía como 7 ou 8 personaxes. Entre eles Xoana de Arbo coa misión de matar o demo. Foi moi divertido”, conta Marta.
César Goldi
Nos tempos de estudante tamén comezou César Goldi, concretamente cando cursaba COU no Instituto Xelmírez de Santiago. “Fun ver Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, e quedei tan fascinado que quixen facer teatro”, lembra quen anos despois traballaría co propio Vidal Bolaño. Ese primeiro papel foi no grupo de teatro do instituto (Narcisus) coa obra El triciclo, de Fernando Arrabal. “Foi unha sorte que o grupo fixera textos contemporáneos. Nunca máis volvín representar un texto de Arrabal”, engade Goldi.
Porén, se tira máis da memoria, aparece unha primeira actuación de cativo en Cataluña, máis por tradición que por decisión ou vocación interpretativa. “Foi con 10 anos facendo Els pastorets, que é algo moi típido de facer alí polo Nadal. Foi a primeira vez que actuei en catalán e non volvín facelo ata moitos anos despois, cando levei unha versión en catalán de Goldi libre a Solsona, a miña vila”.
Isabel Garrido
Isabel Garrido ten dous recordos distintos, pero semellantes a un tempo. A súa primeira obra amateur foi A vía fantástica con Casa Hamlet, mentres que no circuíto profesional comezou con Recortes, caneos e outras formas de driblar, unha produción do Centro Dramático Galego e Ainé. Ambos os dous casos teñen para ela moito en común. “Recordo as dúas experiencias supersimilares. Algo novo que me entusiasma, que me pon dos nervos pero é aditivo. Como esa adrenalina de facer puenting“, lembra.
As dúas experiencias tamén se lle parecen moito á actriz por como se enfrontou a elas sobre as táboas, mesturando os nervios previos ao comezo da obra coas ganas de poñer os pés sobre o escenario. “Estar detrás en bambas, escoitar entrar o público e pensar que esqueciches o texto completamente. En A vía fantástica era pequena e empezaba eu a obra, era a protagonista, e en Recortes estaba Manuel Cortés detrás comigo e dicíalle que non me saía o texto. Ao final sae porque o corpo é moito máis listo que a mente e recorda todo o ensaiado”.
Con todo, a actriz coruñesa entende que “cada proxecto é unha primeira vez” e esa é a súa forma de entender o traballo. “Recordo esas dúas experiencias con inmensa ilusión, cariño e amor. Espero recordar este oficio sempre así porque no momento en que non o faga será que xa non teño paixón. E se non teño paixón, xa non hai nada. E se non hai nada, para que traballar?”.
Xosé Antonio Touriñán
A estrea de Touriñán foi de cativo, con 5 ou 6 anos, como a de moitos nenos enviados ao catecismo polas súas familias: nun Belén vivente. “O meu papel era de Pastorcillo 3 e o texto dicía ‘Eu levareite un bote de mel’. Viña o anxo avisarnos de que nacera un neno e nós tiñamos que dicir o que iamos levar”, resume o actor e cómico. Esa lembranza, se ben lle resulta especial, pouco ten que ver co seu primeiro papel nunha obra de teatro profesional: Amigos ata a morte, de Javier Veiga.
“Xa se representara en castelán, en vasco, en catalán, aquí e alá. Javier sendo galego, director, guionista e actor desa obra díxome que fose ao teatro para ver se se podía montar en Galicia. Quería que a fixera eu con máis xente”, recorda Touriñán sobre un espectáculo que foi especial por máis motivos que por ser o primeiro profesional. “Aquelas funcións eran máxicas, había unha festa no teatro. Era unha comedia moi ben armada e creo que foi a primeira obra de teatro para moita xente en Galicia. Había persoas que me vían na televisión pero nunca se achegaran ao teatro, mesmo era curioso ver cando entraba a xente buscando o seu lugar no patio de butacas como se fora un lugar estrano”. Logo dese espectáculo chegarían outros, pero aquela experiencia marcou fondo no actor: “Non sei se foi a máis potente ou a máis forte porque teño moitas xa enriba das táboas, pero foi algo inesquecible”.
Melania Cruz
O primeiro recordo de Melania Cruz sobre as táboas foi no instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo con Marga Portomeñe como directora e cunha obra chamada Mórdeme. “Era a historia dunha asemblea de vampiras. As que conformabamos o grupo eramos maioritariamente mulleres e ao ano seguintes Así que pasen cinco años, de Federico García Lorca. Lembro que a miña avoa Pilar me cosera unha bata rosa de raso para facer de noiva, que era un dos personaxes que interpretaba”, recorda Melania.
Xa no eido profesional, os primeiros contratos da actriz chegaron con proxectos de Sarabela e EscénaTe. “Este último era un espectáculo de rúa dirixido por Ana Carril que se facía polo casco vello de Lugo”. Logo desas experiencias foi no 2010 cando Melania fixo o seu primeiro papel profesional para teatro, cando protagonizou Ai, Carmela xunto a Josito Porto para a compañía Teatro de Adro, con dirección de Tito Asorey e dramaturxia del mesmo e Nate Borrajo.