O espazo vigués presentou a súa programación para o período de setembro a decembro de 2026. A nova proposta combina teatro, danza, música, formación, festivais e ciclos escénicos e consolida, á súa vez, un modelo que mestura exhibición, creación e mediación cultural.
O acto tivo lugar na propia sala e contou coa participación de representantes do proxecto, así como coa presenza de Jacobo Sutil, director da AGADIC, e Gorka Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Vigo.
Durante a presentación déronse a coñecer tamén os datos de actividade da última tempada. Entre setembro de 2025 e maio de 2026, a Sala Ártika rexistrou 15.032 espectadoras e espectadores entre programación regular e campaña escolar. Uns datos que consolidan o espazo como unha das salas de referencia no ecosistema escénico galego, cunha actividade estable ao longo de todo o ano.
A nova programación reúne 27 compañías, 24 espectáculos escénicos diferentes e 41 funcións ou citas con público, que se desenvolverán entre finais de setembro e finais de decembro. A actividade arrincará o 26 de setembro co Festival Agarima, dedicado ás curtametraxes e á creación audiovisual emerxente, que marcará o primeiro encontro desta nova etapa.
A programación continuará en outubro coa celebración do VII Festival Comediártiko, que se estenderá ao longo de varias fins de semana. O ciclo abrirase o 2 de outubro coa estrea de Isto non é un acto político, nova produción de Ártika Cía, que manterá varias funcións nos días 3, 4, 10 e 11 de outubro, incorporando coloquios co público ao remate das representacións. Ese mesmo mes pasarán pola sala propostas como La Rata Marieta, de L’Horta Teatre, ou Todo terminará para Navidad, de El Rayo Misterioso, que tamén desenvolverá un curso intensivo paralelo á súa estadía en Vigo.
En paralelo, a programación incluirá tamén o ciclo Kamarártika, que comezará o 9 de outubro co concerto de Agora Guerrilla, da Orquestra Galega de Liberación, e continuará ao longo dos meses con novas propostas musicais no espazo do ambigú.
Xa en novembro, o festival Comediártiko continuará con títulos como Oh Mammi Blue, de Cinema Sticado, ou Siéntese, de Maintomano, ademais de pezas de danza e teatro contemporáneo como 1972, de Butacazero, ou Escupir al cielo, de Azar Teatro. Tamén se incorporarán novas sesións de programación off, como Las Pascualas, reforzando a liña máis experimental da sala.
No ámbito da mediación e da reflexión escénica, a programación incluirá a conferencia de Roberto Pascual Que me queres dicir cando me dis neutralidade ideolóxica?, que se desenvolverá en paralelo ás funcións e afondará nos debates arredor da creación escénica contemporánea, a liberdade de expresión e o papel político do teatro.
Ao longo de todo o semestre, a Sala Ártika desenvolverá ademais 3 cursos intensivos, 6 sesións formativas, 2 actividades complementarias e 10 coloquios posfunción, consolidando un modelo de programación no que a exhibición convive coa formación e o diálogo co público.
En decembro, a programación pecharase co XII Festival Pequeártiko de Nadal, que volverá converter a sala nun espazo de referencia para o público familiar e interxeracional, con espectáculos de danza, monicreques, teatro e actividades complementarias que se estenderán do 21 ao 31 de decembro.
Con esta programación, a Sala Ártika reafirma a súa liña de traballo como un espazo que entende a programación como un proceso continuo de relación co público e co tecido artístico galego.


