O texto de Vanesa Sotelo e Tito Asorey trae á actualidade o orixinal de Henrik Ibsen nunha montaxe visualmente moi potente que pon a democracia contra o espello, sinalando as súas contradicións e os perigos da desinformación e as políticas neoliberais.
No ano 1882, o dramaturgo noruegués publicaba En folkefiende (Un inimigo do pobo), un título que na súa versión orixinal presentaba o caso do doutor Thomas Stockmann, un médico que atopa unha bacteria moi perigosa para a saúde nas augas do balneario que é a fonte principal de riqueza da súa cidade. A defensa da razón e a saúde lévano a enfrontarse con todos os veciños, mesmo co seu irmán, alcalde da cidade. A pelexa vólvese axiña moi desigual, xa que os medios de comunicación, os poderes públicos e os intereses económicos dominan rapidamente a opinión pública, deixando ao Dr. Stockman só na defensa dos seus principios.
Cento corenta e un anos despois, pouco mudou o conto. Cambiou o mundo, si; pero os mecanismos de manipulación e control social non son demasiado diferentes, modernizáronse, avanzaron da man da tecnoloxía, volvéronse máis inmediatos, pero a base é a mesma. A opinión da maioría é a que gaña, estea ou non fundada.
Foto: Álvaro L. Barreiro
Unha inimiga do pobo trae ao presente este marabilloso texto, actualizándoo cos actuais vicios da comunicación e poñendo o protagonismo nunha muller nova, intelixente e que volve a unha pequena poboación galega logo de vivir no estranxeiro. A doutora, interpretada maxistralmente por Marta Lado, sofre a incomprensión e o rexeitamento de veciños, amigos e familiares e o silenciamento por parte dos poderes económicos e políticos grazas á radio local e as redes sociais, ferramenta que nos últimos tempos vén demostrando a súa utilidade á hora de modelar discursos e centrar a atención nos puntos de interese das axendas políticas.
En Unha inimiga do pobo, Talía Teatro preséntanos unha historia que vemos a diario desde os nosos teléfonos móbiles, pero á que deixamos de prestar atención en canto chega a seguinte notificación e que ao final do día apenas recordamos como un máis dos milleiros de impactos -estes tamén noquean-que recibimos a diario.
A perversión da comunicación política actual é quizais o factor diferenciador nesta versión de Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Resulta sorprendente observar o fácil que se desvía a atención do importante buscando unha inimiga común, unha malvada absoluta na que descargar a ira e a frustración. É fácil e é gratis. Tamén é desolador.
Todos estes ingredientes fan que esta obra sexa unha das máis representadas de Ibsen -mesmo foi levada ao cinema no 1978, con Steve McQueen no papel do Dr. Stockmann- e que, case século e medio despois, non perdese vixencia. O feito de poñer o foco nunha doutora, fai aínda máis potente a denuncia deste espectáculo, levando ao primeiro plano o silenciamento sistemático das mulleres por parte da sociedade.
Foto: Álvaro L. Barreiro
A trama desenvólvese en tres localizacións principais, resoltas á perfección coa escenografía de Dani Trillo, unha asombrosa estancia 3 en 1 que fai avanzar a trama con cambios na súa estrutura e que está moi ben acompañada pola espectacular iluminación deseñada por Laura Iturralde.
O elenco complétano Dani Trillo, María Ordóñez Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo. Entre todos, conseguen pintar unha paisaxe social na que quen coñeza as vilas galegas pode atopar un ou varios equivalentes na realidade. O gran perigo da crítica social nas expresións artísticas é caer no maniqueísmo e nos discursos simplistas e pobres, nada diso acontece aquí. Saír do teatro logo de ver Unha inimiga do pobo trae consigo moitos debates e reflexións, resulta difícil non facerse preguntas sobre a sociedade que construímos, sobre a que queremos ou a que poderíamos ter, que dificilmente van coincidir nunca.
É doado identificarse coa protagonista, mais ao tempo non é nada sinxelo. Supón facer moitas preguntas sobre o mundo que nos rodea, sobre o que facemos para melloralo e sobre como miramos moitas veces os dramas diarios coma se non fosen con nós. Sinalar os nosos defectos como persoas e as eivas e inmoralidades que cometemos como sociedade non é un trago bo de pasar, pero si que é necesario.
Formeime en humanidades, aprendín deseño e fotografía e agora dedícome a escribir e desenvolver proxectos audiovisuais e de artes escénicas. A pía de libros por ler sempre é máis grande que a de libros lidos.
As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.
Cookies técnicas
As cookies técnicas son imprescindibles para o funcionamento da web, serven entre outras cousas para saber en que idioma prefires ver a páxina ou se permitiches ou bloqueaches as cookies de terceiros.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de terceiros
Para poder mellorar a túa experiencia na web e as nosas campañas publicitarias, empregamos os seguintes servizos de terceiros que poden instalar cookies no teu navegador. Podes permitir e bloquear estas cookies desde este panel.
Google Analytics. Permítenos analizar o tráfico da web, a orixe das visitas, as páxinas máis populares, etc.