O roubo do Códice Calixtino, que hai dez anos xa fora un espectáculo mediático, é agora un espectáculo teatral. Códice K son catro actrices sobre un escenario que inventan todo o que non se pode saber daquel bizarro episodio real.
O Códice Calixtino ten case novecentos anos e é un precursor do libro de viaxes pero xa con este comezo de explicación moitos ollos aburridos deixaron de ler. En cambio, se esta valiosa peza é roubada da Catedral de Santiago por un electricista, despedido e despeitado, que quere vingarse do deán, xa cambia a cousa. Así, a quen non lle vai gustar un códice miniado do século XII? Códice K é o espectáculo dirixido por Tito Asorey que amosa isto, como o valor de algo está verdadeiramente no lugar que deixa para nós imaxinar.
Esta versión cómica e non oficial do roubo do Códice Calixtino foi estreada esta primeira fin de semana de primavera cun cheo Teatro Principal de Santiago, a tiro de pedra da mesma Catedral. Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón forman o elenco que fai das personaxes secundarias da trama real as protagonistas desta historia inventada.
O fío condutor da comedia é a investigación dunha inspectora da Brigada de Patrimonio Histórico, que agardaba un caso de traficantes internacionais ou mafiosos e acabou descubrindo o Códice sen saír da comarca, no Milladoiro. (Isto non é spoiler, que é historia). A esta personaxe que exerce a función de narradora, interpretada por Marita Martínez, súmanselle moitas outras mulleres que puideron pulular pola historia real, como as limpadoras da Catedral que saben que as paredes teñen oídos, a señora do electricista ladrón ou a moza do seu fillo. Mesmo atopamos a personificación dunha Códice secuestrada con síndrome de Estocolmo —en feminino como a propia guía de viaxes se reivindica—. Todas elas están caracterizadas dende a esaxeración destes arquetipos que tan pouco pegan nunha trama estilo CSI ou true crime, a clave cómica do texto do boli de Manuel Cortés.
Unha particularidade do libreto de Códice K é que foi creado a partir de exercicios de improvisación das actrices —co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez—, dos que naceron por exemplo as personaxes interrogadas pola inspectora. Esta pode ser unha das razóns do dinamismo das actrices para conxugar tan variadas personalidades e facer entretida unha historia cuxo final e liñas xerais todos e todas coñeciamos.
A coidada estética xeral é outro dos acertos da montaxe de Asorey. A iluminación, a cargo de Laura Iturralde, dálle moita enerxía ao ritmo do espectáculo e consegue que se integren nel os recursos audiovisuais empregados e, en xeral, a escenografía de Banale, que resulta dun gran atractivo. O espazo sonoro tamén escapa do que cabería esperar, ao ser a súa responsable unha DJ, Russ. No alto e vestida de anxo bailadeiro envolve a obra cunha mestura de tradición xudeocristiá e vangardismo electrónico: o máis parecido a unha rave na Catedral que vaiamos ver.
Códice K nun principio ten vontade de facer rir a persoas tan diversas como o son as personaxes que pasean polo escenario. É certo que hai unha crítica de fondo ao Xacobeo e á mafia santa, sobre cuxos excesos e abusos se ironiza, e tamén hai un tirón de orellas a propósito para a desatención do noso patrimonio artístico. Con todo, o espectáculo non se presenta coma un medio para a denuncia social explícita, o cal é o mellor xeito de facer denuncia social.
Conseguindo que o tempo pase nun santiamén, Códice K entretén e róubanos o riso, ao tempo que deixa unha historia que fala da nosa realidade social como só pode facer a ficción. E é que como se foi construíndo a cristiandade? Pois a golpe de relatos. Invención e verdade non son realmente antónimos e con esta premisa xoga Códice K.
En Primaria montei e dirixín un xornal na miña clase, só tivo dous números pero acabei estudando Xornalismo. Escribo e comunico cousas sobre teatro e arte en xeral, aínda que miña avoa non acaba de entender en que traballo.
As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.
Cookies técnicas
As cookies técnicas son imprescindibles para o funcionamento da web, serven entre outras cousas para saber en que idioma prefires ver a páxina ou se permitiches ou bloqueaches as cookies de terceiros.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de análise
Empregamos cookies de terceiros (Google Analytics) para medir e analizar estatisticamente o tráfico da web: as páxinas máis visitadas, a procedencia dos visitantes, etc. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.
Nomes das cookies de Google Analytics: _ga, _ga_<container_id>
Please enable Strictly Necessary Cookies first so that we can save your preferences!
Cookies de publicidade
Empregamos cookies de terceiros (o servizo de newsletter Brevo, antes chamado Sendinblue, e as redes sociais de Meta: Facebook, Instagram e WhatsApp) para mellorar as nosas campañas publicitarias nesas plataformas, analizando o comportamento dos usuarios da web e compartíndoo con elas. Por exemplo, cando un usuario da web merca un produto da tenda online, esa venda pode quedar rexistrada e asociada a ese email tamén en Brevo e/ou Meta. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.