‘BenQuerer’: Fran Sieira báilalle ao autocoidado

Outros

Os días 6 e 7 de febreiro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle a estrea de BenQuerer, a nova creación de Fran Sieira. Un só de danza no que o movemento dialoga coa música en directo de Caamaño&Ameixeiras para explorar o autocoidado emocional desde unha perspectiva persoal e contemporánea.

Fran Sieira estrea BenQuerer, o seu primeiro espectáculo en solitario, nun momento clave da súa traxectoria artística. A proposta chega aos escenarios como unha peza íntima, na que o bailador galego pon o foco na necesidade de aprender a parar, a escoitar o corpo e a coidarse nun contexto social marcado pola produtividade constante e a esixencia de avanzar sen pausa.

A estrea terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 6 e 7 de febreiro ás 20.30, con todas as entradas esgotadas, confirmando o interese xerado por unha creación que nace desde as marxes e desde unha clara perspectiva de xénero. BenQuerer pregúntase que significa querer ben, quererse ben ou permitirse ser vulnerable sen medo ao xuízo alleo, construíndo un relato escénico que conecta co cotiá e cos procesos persoais de adaptación ao cambio.

Sobre o escenario, Fran Sieira comparte espazo coa música en directo de Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), integrantes do dúo Caamaño&Ameixeiras. A súa presenza achega unha dimensión emocional e orgánica á peza, creando un diálogo continuo entre corpo e son que sostén a dramaturxia do movemento.

A dirección artística corre a cargo do propio Fran Sieira xunto ao colectivo VACAburra, formado por Gena Baamonde e Andrea Quintana. O equipo complétase co espazo sonoro de Isaac Millán, a iluminación de Fidel Vázquez, o vestiario de Érica Oubiña e a dinamización do encontro posfunción de Nancy Silva e Thais Núñez, configurando unha proposta coidada en todos os seus niveis.

Ese coidado esténdese tamén á relación co público. A estrea de BenQuerer conta con diversas medidas de accesibilidade: butacas preferentes, mochilas vibratorias, interpretación en Lingua de Signos no faladoiro posfunción, paseo táctil polo escenario antes da función, programas de man en braille e follas coas letras das cancións. Un conxunto de accións que reforzan a vontade do espectáculo de ser un espazo compartido e inclusivo.

Tras a estrea en Santiago, BenQuerer iniciará a súa xira de presentación con funcións en Lugo, Arteixo, Narón, Vigo, Carballo e Ribeira, entre outras localidades, levando esta reflexión sobre o autocoidado emocional a distintos escenarios do país. Unha peza que confirma a liña de traballo de Fran Sieira e da súa compañía: unha revisión do folclore e do movemento desde unha linguaxe contemporánea, con vocación social e vontade de diálogo coa realidade.

Artigos relacionados