O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que conecta a produción de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebrará a súa sétima edición do 12 de setembro ao 26 de outubro de 2025. Nesta sétima edición contarán coa incorporación territorial da Rioxa
O eixo central desta sétima edición do Camiño Escena Norte será o Itinerario Constelacións, no que serán seleccionados tres espectáculos por territorio, sumando un total de dezaoito. Ademais, crearase o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, un documento que facilitará a distribución das creacións escénicas en todo o territorio estatal, máis aló do ámbito do CEN. O catálogo incluirá seis espectáculos por comunidade, ata un total de trinta e seis. Este documento, xunto co evento profesional Habitación Peregrina PRO, forman parte do Camiño Expandido, unha programación que inclúe actividades máis aló do itinerario principal, co obxectivo de enriquecer a relación co público e fomentar a dinamización profesional e sectorial.
A asociación AESCENA e o Goberno da Rioxa súmanse a esta iniciativa, na que xa participan as asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Eskena e ESNA, ademais de diferentes gobernos autonómicos, provinciais e forais. En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic.
O prazo de inscrición para que as compañías presenten as súas candidaturas permanecerá aberto ata o 21 de febreiro na páxina web do Camiño Escena Norte (www.escenanorte.com), onde tamén se atopan as bases e os criterios de selección.