A sétima edición do proxecto chega á súa última semana de programación, cun percorrido que conecta seis territorios e 60 espazos do norte peninsular.
Camiño Escena Norte entra na súa recta final en Galicia. Nacido para tecer vínculos entre os territorios do norte peninsular a través do intercambio cultural e das artes escénicas, o proxecto celebra as súas últimas funcións nas dúas próximas fins de semana. Negreira, Outes, Vimianzo e Ribadeo serán as derradeiras paradas dun percorrido que, desde setembro, levou teatro e danza a máis de 60 espazos de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.
Hoxe, 17 de outubro, o Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón, en Negreira, acollerá Globe Story, da compañía rioxana El Perro Azul, unha historia de amor sen palabras que recupera o espírito do cinema mudo, cunha posta en escena chea de humor e ritmo.
O domingo 19 será a quenda das asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo, que presentarán Zozobra na Casa da Cultura de Outes. A obra, pensada para público adolescente e adulto, é unha sátira sobre a “España cañí” contemporánea, descrita pola crítica como “unha labazada de teatro que axita rúas e conciencias”.
A fin de semana seguinte, Vimianzo acollerá o venres 25 El jardín de las posibilidades, da cántabra El Tejo Producciones, unha proposta poética e simbólica que invita a imaxinar novos espazos de encontro. O sábado 26, a compañía ZigZag Danza porá o broche final no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo con Postales rotas, unha creación de danza contemporánea sobre a memoria migrante en Asturias, galardoada co Premio Oh! 2025 ao Mellor Espectáculo e o Premio Jovellanos 2024 á Produción Escénica.
Mentres tanto, as compañías galegas Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía. completan o seu percorrido por Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, levando á escena as súas creacións. A última parada será tamén o 17 de outubro, cando Nanay de la China, da coruñesa Pérez & Fernández, chegue á localidade rioxana de Autol, poñendo o punto final á súa xira.
Creado en 2019, Camiño Escena Norte aposta por unir territorios, linguaxes e públicos a través dun fío común: as artes escénicas. Promovido polas asociacións profesionais de produtoras de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, o proxecto impulsa o acceso á cultura en zonas rurais e fortalece o diálogo entre comunidades.
Este 2025, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Agadic, xunto aos gobernos e institucións das seis comunidades implicadas, ademais da colaboración da Deputación de Lugo, Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial, e Deleite como novo colaborador.
Sete edicións despois, Camiño Escena Norte continúa sendo unha viaxe común: un camiño de historias, corpos e emocións compartidas que demostra que o teatro e a danza seguen sendo espazos de encontro e identidade.


