Cando bailar se converte en revolucionario

A danza contemporánea en Galicia goza dun bo estado de saúde. Son moitas as compañías que bailan para que a danza deixe de estar nas marxes. Falamos con Fran Sieira, VACAburra, Elahood e Entremans.

Outros

A danza contemporánea en Galicia goza dun bo estado de saúde. Son moitas as compañías que bailan para que a danza deixe de estar nas marxes. A danza no noso país é diversa: bebe do tradicional ou do urbano, dá cabida a todos os corpos, fala de feminismo e de identidade… Porque bailar é un acto político!

Chegan catro conversas con outras tantas compañías de danza galegas para descubrir a paixón coa que traballan estes creadores e creadoras aínda que, ás veces, vivir ás marxes das artes escénicas poida supoñer habitar nun estado de supervivencia constante. Falamos con Fran Sieira, Gena Baamonde e Andrea Quintana de VACAburra, Julia Laport de Elahood e Armando Martén e Betty Pérez de Entremans.

A danza chegou á súa vida de pequenos e nunca máis puideron deixala. “O baile chegou a min con 8 anos. Era un neno moi tímido e introvertido pero bailando era alegría e felicidade”, comenta Fran Sieira, quen aparcou o seu traballo de administrativo para dedicarse profesionalmente á danza e levar o baile tradicional galego a outro nivel. Julia Laport, un dos piares de Elahood xunto con Sabela Domínguez, comenta que “sempre fun moi inquieta e miña nai anotoume a ximnasia, onde unha vez á semana faciamos danza e eu só quería ir ese día”. Tamén era unha nena chea de enerxía Andrea Quintana, unha das patas de VACAburra: “meus pais probaron con diferentes deportes pero con 6 anos probei a danza e non a soltei”. Amor a primeira vista é o que sentiu a cubana Betty Pérez co baile, quen sendo unha nena entrou na Escola Elemental de Ballet pero tivo que deixala porque estaba moi lonxe da súa casa. Mais a vida tiña marcado o seu destino como bailarina e, finalmente, entrou na Escola Nacional de Arte. Nela tamén estudou o seu compañeiro na compañía (e de vida) Armando Martén, quen quería ser pintor ou músico mais a danza namorouno de tal xeito que nunca máis concibiu a súa existencia sen ela.

DeMente | Foto: Seimeira Producións

Bebendo da tradición

Con formacións e experiencias distintas, todos son agora parte fundamental do panorama da danza contemporánea galega. Cada unha destas catro compañías ofrecen espectáculos de temáticas e estilos diferentes que dan boa conta da riqueza desta disciplina. Fran Sieira é un claro exemplo de saber levar ao contemporáneo o baile tradicional galego. “Cando participei no espectáculo Son de Nova Galega de Danza descubrín que se podía descontextualizar a danza galega e decidín fundar a miña compañía”, explica o bailador. Desde 2017 leva creados dous espectáculos, EntreSoños e DeMente, cos que conseguiu grande éxito de público e crítica. A súa teima é seguir investigando a través do noso movemento e levalo a un punto máis vangardista. “Estou convencido de que abre o noso baile a máis público e tamén achega a danza a outra xente porque é unha danza máis do pobo”, afirma Fran. En DeMente o tradicional xúntase coa temática das enfermidades mentais. O bailador comenta emocionado que a peza é unha homenaxe ao seu avó, que padecía demencia senil. “Coa enfermidade foille quedando un paso arrastrado que a min me recordaba á muiñeira vella. Nos últimos anos de vida tamén quedou cunhas coplas repetitivas e desvirtuadas. Eses foron os dous puntos desde os que quixen comezar a investigar: desde o movemento e sonoridade”, lembra. Máis a demencia é só unha pequena parte de todas as enfermidades e trastornos que sofre a sociedade e que o creador quixo levar á escena para reivindicar a necesidade de normalizar a saúde mental.

Engadindo o termo “urbano”

E da tradición viaxamos ao urbano e aos novos ritmos. Julia Laport e Sabela Domínguez son amigas desde nenas e xuntas debuxaron un percorrido vital moi similar ata formar Elahood en 2017. Tras formarse en Londres, cidade na que contactaron coas danzas urbanas, volveron a Galicia para facelas máis visibles. Vive este estilo á marxe das marxes? Julia dubida. “Penso que non é peor que a acollida da danza contemporánea, que xa non é moi boa. Sinto que, de primeiras, se asumía unha danza menos profesional e con menos experiencia pero, ás veces, un pouco máis accesible. Aínda que isto tamén é un prexuízo, porque non ten que ser máis accesible”, explica a bailarina que traballa arreo para conseguir o recoñecemento que a disciplina se merece, codirixindo o colectivo D’ELAS, organizando eventos de waacking e formando a outras persoas nas danzas urbanas.

Imaxe promocional de

Elahood xira con , un espectáculo moi visual entre o soño e o pesadelo que nos convida a entrar nun mundo onírico. A peza fai reflexionar sobre se sempre temos algo que opinar. “Xurdiu porque queriamos estar nun proceso creativo pero atopámonos sen saber que queriamos dicir. Estamos aquí para dar unha mensaxe ou facer unha creación que poida ter diferentes mensaxes? Se me vou subir ao escenario é porque teño algo que dicir”, explica a bailarina. E tanto teñen que dicir! Elahood fai da danza un compromiso co xénero. “A perspectiva feminista e queer está aínda que non queiras: no modo de presentarte, de falar, nas decisións estéticas…”, afirma. “En , a temática da peza non é esta pero para nós está todo o tempo. Hai moitas imaxes que están cuestionando o xénero. Por exemplo, Sabela é un ser sen pelo e eu cunha melena longa. Nesa imaxe xa ves xénero sen que digamos nada”, conclúe.

A diversidade dos corpos na danza

O xénero, o feminismo e a loita por poñer en escena os corpos diversos tamén son unha constante para VACAburra desde o seu nacemento en 2019. Andrea Quintana e Gena Baamonde coñecéronse traballando nunha peza de Voadora. Compartían obxectivos e houbo sintonía así que sumaron forzas. Nese mesmo ano participaron nas Residencias Paraíso de Colectivo RPM, de onde xurdiu Metodoloxías Carroñeras para corpos Invertidos, unha conferencia performativa onde se mesturan coñecementos teóricos e prácticos a través do humor, tendo como eixe central a disidencia sexo-xenérica na escena. O mesmo ocorre con O raro é que bailar sexa raro, que parte da necesidade de reivindicar que todos os corpos poden bailar. Non existe un corpo perfecto para bailar! Que llo digan a Andrea. “A peza parte desde a miña experiencia como bailarina masculina e fóra da norma. Facemos unha autobiografía pirata, partindo de min pero atravesada doutras corporalidades. Reivindicamos que outros corpos son posibles no escenario e precisamos diversidade”, explica a bailarina que, afortunadamente, sempre habitou a súa disidencia con felicidade. Gena quere alertar sobre algo: “Hai unhas violencias a nivel de educativo que levan a moito alumnado a sufrir trastornos de alimentación. Os corpos moitas veces son impostos polas regras: bailarina feminina, pelo longo e poucas formas”.

O raro é que bailar sexa raro | Foto: J.C. Arévalo

VACAburra xunta na súa peza Festina Lente os corpos e o tempo. Andrea Quintana e Clara Ferrao súbense ao escenario para demostrar que a beleza tamén está nos corpos que súan e se esforzan. “A clave na peza é a de estar xuntas e sosternos unhas a outras”, afirma Andrea. “Festina Lente xurdiu porque queriamos facer un espectáculo para fuxir dos tempos tolos e facer unha pausa no camiño. Vivimos nunha roda que nunca para, con tantas cousas que facer, as redes non teñen horarios… entón, non temos case tempo para vernos en corpo. Os corpos estanse convertendo en algo virtual”, argumenta Gena. Unha banda sonora moi potente, unha coreografía viva e accesible e moito humor completan o espectáculo que provoca no público o desexo de saír bailar.

Festina Lente | Foto: Iria Casal

Os corpos envellecen

Danza Contemporánea de Cuba uniunos no amor e no profesional. Os cubanos Betty Pérez e Armando Martén chegaron a Galicia en 2001, traballando con Druida Danza e, despois, con Experimenta Danza para en 2006 fundar Entremans. Confesan que xa non teñen aqueles corpos que a comezos dos 2000 bailaban para facer visible a danza contemporánea en Galicia. Pero máis de 20 anos despois continúan na loita. “Seguimos na resistencia. Queremos facer cousas nesta idade que xa nos condiciona un pouco ao movernos. Mais temos moita paixón por facer cousas desde o corpo que temos agora”, di Betty. “Hai que prepararse ben porque resistirás mellor o paso do tempo. Se dotas o corpo con moitas ferramentas, envellecerá mellor. Teño 60 anos e síntome ben”, engade Armando quen advirte que ao ter chegado a tan alto nivel a perda é máis suave.

Os corpos cambian. Por iso é preciso escoitarse e sentir que cada momento é especial. Eles xa non fan acrobacias pero o seu movemento está cheo de vivencias e experiencias. Levaban anos falando de amor, humanos, contradicións… pero Betty e Armando viaxan desde o lugar que os emocione. Así que agora estrean Bionic, unha peza que recolle as queixas, doenzas e o cambio do corpo unido á súa visión da tecnoloxía. “A tecnoloxía asístenos pero tamén pode prexudicar. Axúdanos pero intentamos permanecer puros e sensibles”, explica Armando. Dá igual que pasen os anos, porque bailar é resistir.

Bionic | Foto: Raquel Castro

Lanzando mensaxes no Día da Danza

Entremans, Elahood, VACAburra e Fran Sieira concordan na gran riqueza de creación que hai actualmente en Galicia. Pero tamén na necesidade de apoiala para que non estea nas marxes das artes escénicas e conseguir que teña unha programación estable. “Hai moita xente facendo proxectos nas artes do movemento moi diversos e interesantes. As institucións aínda non entenden as singularidades e a potencia da danza. Hai que seguir na loita para que se entenda que a cultura é un dereito e que a danza existe”, solicita Andrea Quintana. Julia Laporte tamén se lamenta da falta de distribución: “Hai quen non programa danza e outros só no día da danza. Ou te moves fóra ou imposible. Ao final temos que achegarnos ao teatro para poder traballar”.

A danza é un acto colectivo e, como tal, pódese participar del. “Que unha persoa decida ir aí, parar a súa vida, abrir a mente e o corpo a outras formas de percibir e sentir as linguaxes é un acto político”, afirma Gena Baamonde. Como di Betty Pérez, a danza abre pontes e cura a alma. Hai que seguir bailando. Porque bailar é revolucionario.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.