A actriz e presentadora Marta Doviro deu o salto da pantalla ao escenario hai tres anos. Desde aquela non deixou de percorrer o país facendo rir o público con distintos espectáculos de humor. Foi un tempo de esforzo, aprendizaxe e moita conexión coa xente. Quedamos con ela en Santiago para tomar un café e coñecer máis sobre o seu traballo como monologuista.
Marta Doviro ten nove anos e vai para os dez. É o que ten nacer o 29 de febreiro dun ano bisesto: non encaixas ben no calendario das celebracións, pero a cambio tes o chiste asegurado de por vida. Sobre todo se te dedicas a facer monólogos, como leva facendo ela desde o seu debut humorístico. Antes diso estudou tres anos de Farmacia, diplomouse en Deseño de Produto (logo ampliou estudos para graduarse no plan universitario actual) e traballou nunha empresa de moda. Primeiro como modelo de padróns e logo no seu departamento de márketing. Sempre extravertida e afeccionada á interpretación, houbo un día en que a chamaron dun deses castings que non deixaba de buscar e desde aquela non parou de sumar aparicións na pantalla. Moitas veces como presentadora e outras tantas como actriz, dous rexistros que potencia e combina na súa outra ocupación: facer rir o público cos seus propios textos.
“Agora mesmo todo é aproveitable, sobre todo as pequenas desgrazas. Iso é o que máis furrula cando fas humor”, conta Doviro, que naceu como Pérez Torre (Santiago, 1984), pero decidiu que o seu nome artístico tiña que render homenaxe ao alcume da familia paterna, orixinarios do Viro, unha aldea de Outes. A súa carreira cómica comezou hai tres anos con algunhas actuacións que serviron para probar o que logo sería o seu primeiro monólogo: Memorias dunha rapasa da Costa, estreado ao completo no 2021. “Animáronme moito algúns compañeiros como David Perdomo ou Pepo Suevos, que me puxeron isto diante dos fuciños”, lembra a humorista sobre uns inicios que lle serviron para comprobar que o salto da pantalla ás táboas require dun tempo de adaptación. “Unha cousa é facer teatro ou un programa de televisión, onde a xente está moi metida na historia e todo vai medido. Aí non tes un obxectivo tan marcado contra o público, pero co monólogo hai que arrincar sorrisos. Da outra forma comunicas, entretés ou informas, pero aquí vas ti soa a facer rir. E se non o consegues, tes que seguir ata que che entre algún chiste”.
Tan preto do público é onde aparece o medo ao fracaso. Así o conta Doviro, quen recoñece que subirse a un escenario para facer humor foi un dos pasos máis valentes que deu no eido profesional: “Se presentas unha película ou unha serie estás nerviosa, pero as críticas podes lelas desde o sofá da casa sen que todo o mundo vexa a túa decepción. Facendo un monólogo vives o fracaso en directo”. Solución? Seguramente ningunha, pero cando vai acompañada de outros profesionais asegura que todo é mellor. “A vida do monologuista é moi solitaria, sobre todo cando non tes unha produtora detrás. Estás soa cando vas ao sitio, cando fas o teu show e cando volves á casa. Moitas veces ata o negocias ti. Por iso mola cando o cartel é compartido e traballas con outra xente. Así as alegrías son máis alegrías e os fracasos son menos fracasos”.
Sobre eses espectáculos conxuntos sabe moito a humorista compostelá —medrada na Costa da Morte, todo hai que dicilo—, pois nestes tres anos colaborou con outros cómicos como os xa citados David Perdomo ou Pepo Suevos, pero tamén con Arantxa Treus (“unha cómica que é unha loitadora” con quen fai En pé de igualdade) ou Carmen Méndez e Ledicia Sola, con quen se asociou en Sen restricións. Desa unión naceu un novo espectáculo que acaban de estrear este mesmo ano: As R(H)umorosas. “É un show galaicofeminista que fala das nosas raíces e trata temas moi atractivos, pero hai que convencer e insistir moito”, sinala arredor da necesidade de chamar a todas as portas que haxa para conseguir contratacións. No seu caso tomou esta tarefa moi en serio desde o primeiro momento: elaborou un dossier, contactou concellos e moveuse moito en redes sociais, aproveitando tamén que a súa cara era coñecida por boa parte do público grazas aos seus traballos televisivos.
Alén das diferenzas entre a pantalla e as táboas, Marta Doviro sabe ben que a profesión artística sofre de eivas comúns que toca aceptar se se quere traballar no sector, ben sexa como presentadora, actriz ou monologuista. Explícao ben claro: “Cando te comprometes con esta profesión tes que saber cal é a letra pequena do contrato. Ás veces tes moito traballo porque todo o mundo quere contar contigo e de súpeto estoupa esa burbulla e volves estar abaixo. É duro enfrontarse a ese baleiro”. Foi precisamente nunha desas etapas de pouco traballo cando deu o paso adiante coa comedia, unha decisión que lle permitiu relacionarse dun xeito ben especial co público. “Cando máis notei a enerxía da xente foi agora cos monólogos. Sobre todo no momento en que empatas e conectas. Iso é como estar facendo rir a un montón de colegas”.
Entre esa enerxía e o recoñecemento propio do traballo artístico —”miña nai é farmacéutica e seguramente ninguén lle foi dicir que lle encanta como farmacéutica, como tampouco lle pasará á panadeira ou á condutora de autobús, pero neste oficio temos a sorte de que se nos acheguen a dicir cousas bonitas”— Doviro segue adiante con novos proxectos. Vén de facer un pequeno papel nunha serie (El caso Asunta), agora está a gravar un programa de temática social e para o ano espera estrear un novo monólogo que substitúa Memorias dunha rapasa da Costa. Experiencias que contar non lle van faltar: “Se queres traballar nisto, tes que estar en todo, eh?”.