A compañía continúa o percorrido galego do espectáculo ‘Alicia Wants To’, que parte das historias de unha nai e a súa filla para formular preguntas sobre a pobreza, os abusos na infancia e un sistema xudicial que non sempre protexe as persoas máis vulnerables. Falamos con An e Andrea sobre o proceso creativo, a responsabilidade social da arte e os proxectos que xa preparan para o futuro.
Hai preguntas que non atopan sitio na conversa cotiá. Bengala Teatro Físico busca levalas ao escenario a través de historias que permiten achegarse a realidades complexas desde outro lugar. Esa vontade atravesa Alicia Wants To, unha peza que sitúa no centro unhas personaxes e unhas realidades que adoitan quedar fóra dos relatos dominantes. A historia segue o reencontro entre Alicia, unha adolescente que sae dun centro de menores, e a súa nai, Juana. A través delas, a compañía aborda cuestións como a pobreza, os abusos na infancia e as limitacións dun sistema xudicial patriarcal, sen perder de vista as contradicións e os matices que conforman as vidas das protagonistas.
A QUE PREGUNTAS SENTIDES A NECESIDADE DE DARLLE ESPAZO HOXE NO ESCENARIO?
As preguntas decídeas a sociedade no seu contexto. Para nós non se trata só de abordar temas de actualidade, senón tamén de expoñer esas preguntas incómodas e complexas ás que non lles atopamos resposta ou espazo na vida cotiá. A través da arte podemos presentalas ao público desde outro lugar e achegarnos a posibles respostas. Canto máis incómoda, silenciada ou complexa é a pregunta, maior é a responsabilidade que temos como artistas de xerar un espazo para ela.
Alicia e Juana, máis alá dos arquetipos
A historia de Alicia e Juana non busca ofrecer retratos simples das persoas que viven situacións de vulnerabilidade. A compañía procura construír personaxes cheas de matices, nas que as contradicións tamén teñan cabida.
COMO CONSTRUÍCHEDES AS PERSONAXES E DESDE QUE LUGAR VOS INTERESABA ACHEGARVOS ÁS SÚAS HISTORIAS?
Cada personaxe é moi diferente, pero ambas nacen dunha mirada aberta á exploración das arestas e dos matices que rodean unha persoa e, polo tanto, unha personaxe. Para nós é fundamental escapar dos arquetipos e crear personaxes complexas, con contradicións dentro da súa propia historia.
A vida real moitas veces é incómoda e está chea de tensións, grises e contrastes. Iso é o que o público debe sentir tamén sobre o escenario se queremos que conecte realmente coa historia.
A pregunta que acompaña a peza resume esa intención: ‘Que temos que facer para poñer a marxe no centro?’. Para Bengala, dar espazo a estas realidades é unha responsabilidade artística, pero tamén unha maneira de cuestionar as condicións que determinan as posibilidades de cada persoa.
COMO TRABALLADES CON CUESTIÓNS COMO A POBREZA E OS ABUSOS PARA IR MÁIS ALÁ DA REPRESENTACIÓN DUNHA REALIDADE DURA?
Isto é algo marabilloso que permite a arte: podes contar desgrazas e cousas realmente violentas ou duras sen perder a maxia do visual nin a beleza da imaxe e do movemento. Iso permite que o público se mergulle nunha viaxe e se faga preguntas.
Unha partida con menos pezas
Unha das imaxes que articulan a dramaturxia de Alicia Wants To é a do xadrez. Alicia xoga coas brancas, pero non dispón de todas as pezas. A metáfora traslada a historia individual a unha reflexión máis ampla sobre as desigualdades de partida: as decisións son propias, pero as posibilidades para tomalas non son iguais para todas as persoas.
COMO XURDIU ESTA IMAXE E QUE VOS PERMITE CONTAR?
A conexión da peza co xadrez nace desa partida metafórica que é a propia vida de Alicia, na que efectivamente conta con menos pezas para xogar e, polo tanto, ten menos posibilidades abertas no seu camiño.
É evidente a inxustiza e a desigualdade social existentes. As decisións son individuais -mellores ou peores-, pero están altamente condicionadas por un contexto social que non sempre escollemos. O destino está fortemente marcado polos recursos cos que cada unha contamos para enfrontarnos á vida, e o número de alternativas redúcese cando formas parte das marxes.
Esta metáfora convive cunha proposta escénica na que se mesturan o realismo máxico e a crueza social, con referencias como Alicia no país das marabillas e Mommy, de Xavier Dolan.
QUE VOS PERMITE COMBINAR ESTAS LINGUAXES ARTÍSTICAS?
A mestura destas diferentes linguaxes artísticas consegue que o público conecte coa peza desde distintas capas de lectura. A palabra, o movemento, o espazo, a música e as imaxes forman un conxunto de estímulos co que pretendemos lograr a emoción final da persoa espectadora.
A interpretación máis sensorial, metafórica, simbólica ou literal da peza varía en función de quen a recibe. E iso é marabillosamente diferente en cada persoa.
Crear en rede
A creación de Alicia Wants To foi autofinanciada pola compañía, un esforzo económico importante que se viu acompañado pola colaboración de entidades e servizos vinculados ao ámbito social, ademais do Centro Dramático Galego.
QUE IMPORTANCIA TIVO ESTA REDE DE COLABORACIÓNS NO PROCESO?
A creación e a montaxe de Alicia Wants To foron autofinanciadas pola compañía e iso, a verdade, supuxo un esforzo económico inicial moi alto. Con todo, a pesar da dificultade, queriamos apostar polo noso proxecto, fortemente convencidas e comprometidas coa súa pertinencia dentro da oferta cultural e teatral actual.
Neste proceso contamos coa colaboración de entidades que nos cederon espazos ou equipos que nos facilitan o día a día. Porén, será no seguinte proxecto, que estrearemos a finais de 2027, cando esa axuda se materialice economicamente e nos permita aliviar parte do investimento inicial que require a creación e posta en marcha dunha obra.
A identidade da compañía tamén se constrúe a partir do traballo compartido entre An, que asume a dirección e a dramaturxia, e Andrea, que traballa na creación audiovisual.
COMO SE COMPLEMENTAN AS VOSAS MANEIRAS DE ENTENDER O TEATRO?
Somos a equipa perfecta. Unha é máis terra e a outra máis volátil, pero o conxunto fai que o resultado sexa sólido. Compartimos os mesmos valores éticos e entendemos da mesma forma a responsabilidade que temos como artistas na sociedade. Aínda que isto non sempre xere produtos fáciles de vender, somos fieis á idea e ao reto a medio prazo.
O que cambia de público en público
A xira de Alicia Wants To está a permitir que a historia chegue a localidades e públicos diferentes. A compañía destaca a boa acollida do espectáculo, pero tamén sinala as diferenzas no acceso a unha programación cultural diversa.
QUE VOS INTERESA DE LEVAR A MESMA OBRA A CONTEXTOS DISTINTOS?
Na fase de creación temos moi presente a existencia de varias capas de lectura, para que cada persoa teña a opción de conectar como mínimo cunha delas e, polo tanto, ninguén quede fóra da historia.
Ata agora observamos que o público acolle de forma moi positiva a proposta, sen que a idade ou o territorio sexan factores limitantes. Iso é o máis reconfortante para nós.
Con todo, si vemos diferenzas significativas nas facilidades de acceso do público a unha programación diversa e, polo tanto, no hábito cultural que se forma en cada territorio. Hai espazos que contan cun público habitual, acostumado a desfrutar de propostas heteroxéneas, e iso certamente facilita a función.
O contacto con estes públicos tamén lles permitiu comprobar que a historia pode cambiar a maneira de achegarse ás realidades que representa.
HAI ALGO QUE A EXPERIENCIA DE REPRESENTAR A PEZA VOS FIXE RECONSIDERAR SOBRE A OBRA OU SOBRE A MANEIRA DE ABORDAR ESTAS CUESTIÓNS DESDE O TEATRO?
Tras levar a peza a distintos contextos sociais, comprobamos que a mensaxe chega desde a empatía con Alicia e Juana, e non desde o xuízo cara a elas. Isto é un éxito, xa que achega as realidades das personaxes ás nosas e permite que o público dialogue sen distancia co problema, asumíndoo como propio.
Isto é posible fundamentalmente por expoñer a historia mediante un acto artístico. O debate que xeraría desde unha perspectiva teórica, falando das marxes e das desigualdades sen personificar nin vivir a historia en primeira persoa, sería moi distinto.
COMO AFRONTADES ESTA ETAPA DA XIRA E QUE PROXECTOS VEÑEN DESPOIS?
A recta final aínda está lonxe! Agardamos que esta peza nos acompañe como mínimo durante 2027, así que confiamos en non ter que pensar aínda no seu remate e en que queden moitas vilas ás que ir contar a historia de Alicia e Juana.
Agora mesmo, a nivel artístico, estamos nun momento de desfrutar das funcións e atoparlles pequenos matices novos, porque as nosas personaxes están sempre vivas e é a nosa misión que así se vexan desde fóra.
En relación cos futuros proxectos, estamos ilusionadas e xa traballando na seguinte peza: As Fillas da Silveira, que se estreará a finais de 2027 e contará coa coprodución do Centro Dramático Galego. Actualmente estamos en plena fase de investigación grazas a unha colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo, da que agardamos poder comezar a contar máis información nuns meses.
Mentres Alicia e Juana continúan o seu percorrido polos escenarios galegos, Bengala Teatro Físico mantén aberta esa liña de traballo na que a creación artística e a responsabilidade social camiñan xuntas. Non se trata só de representar o que acontece nas marxes, senón de xerar un espazo no que esas vidas poidan ser miradas desde outro lugar. Unha maneira de facer teatro que non pretende resolver todas as preguntas, pero si evitar que as máis incómodas queden sen sitio.


