Logo do éxito que acadou con DeMente dentro e fóra do país, Fran Sieira presentou este ano o seu novo espectáculo de danza: Ceibe, unha proposta que reflexiona sobre como o xénero nos atravesa desde crianzas. A obra, codirixida con Sergio R. Suárez, vai do silencio á catarse para reivindicar a liberación dos corpos a través do baile. Uns meses despois da súa estrea e, antes de seguir coas funcións que aínda lle quedan, falamos con Sieira para destecer os fíos dunha peza que el mesmo entende como unha especie de homenaxe ás foliadas de hoxe en día.
Se a danza é unha actividade de liberación, Ceibe é un espectáculo de danza maiúsculo. A nova proposta do coreógrafo Fran Sieira apareceu neste 2024 sobre os escenarios como un berro na noite, como un silencio no día, desatando dun xeito case literal o seu elenco de bailadoras e bailadores e o público mesmo. A obra convídanos desde a curiosidade e a provocación a que volvamos para a casa con máis preguntas que respostas na cabeza. A primeira delas, entre outras moitas, a que se fixo Sieira xunto ao codirector do espectáculo, Sergio R. Suárez, cando comezaron co proceso de creación: como nos atravesan socialmente os roles de xénero, sobre todo no baile tradicional?
“Encadrarte nunha identidade de xénero tradicional condiciona como moverte, como actuar e como ser. Encaixes máis ou menos nese rol, estannos educando para que nos movamos dunha determinada maneira e nesa forma de constrinxir o corpo perdemos parte da nosa esencia. Con Ceibe queriamos facer esa crítica: que pasaría se non encadrásemos tanto a rapazada nun rol de xénero xa dende nenas e nenos? Como serían eses corpos? Como se irían formando con máis liberdade de movemento?”, reflexiona o coreógrafo sobre unha idea que asume complicada por vivirmos condicionados, cando non apreixados, por eses roles. “Hai algunha chiscadela na peza, como cando collemos as cordas e nolas poñemos a nós mesmos. Autoaceptamos entrar neste sistema porque é o que nos ensinaron, aínda que te sintas fóra de lugar e non encontres o teu sitio. Iso está moi presente na dramaturxia da obra”, conta.

O espectáculo afonda na cuestión desde a influencia deses marcos no baile tradicional, sen que iso o leve a criticalo — ”é un baile social e vai coa sociedade, que actúa dunha determinada maneira”, apunta Sieira—, senón máis ben a reivindicalo como un espazo liberador. “Cando eu tiña vinte anos era inviable ver bailar un rapaz con outro rapaz e agora a ninguén lle chama a atención. Daquela, se te movías como un pouco máis libre, xa falaban da túa orientación sexual”, lembra o coreógrafo, quen celebra que as olladas foran mudando cos tempos. “Nas foliadas de hoxe en día o rol de xénero está moi diluído e para moitas e moitos poden ser unha forma de expresarse libremente”.
“Nas foliadas de hoxe en día o rol de xénero está moi diluído”.
A pegada do tradicional agroma en Ceibe a través dun elenco de bailadoras composto por Adela Otero, André Adrio, Aida Tarrío, Artur Puga, Cris Canosa, José Adrián Casal, Martín Mondragón (Mondra), María Montero e Patricia Sánchez, que poñen en escena unhas coreografías pegadas á terra, incluíndo movementos de noso e mesmo unha sorte de danza das fitas nun dos momentos máis memorables do espectáculo. “Xogamos moito coa estrutura do baile tradicional levado a outro contexto. Iso axudounos a movernos dun xeito similar e poder facer como unha microsociedade. Movémonos todos guiados por un patrón e pouco a pouco vamos buscando unha liberdade individual”, explica.

Unha das cousas que máis sorprenden deste último traballo de Sieira, se non a que máis, é que as identidades do grupo aparecen desdebuxadas por unhas máscaras e unhas vestimentas que unifican o colectivo para facer delas un só corpo que viaxa desde a rixidez inicial da obra, ben pegada ao silencio, ata unha liberación final animada pola explosión rítmica do remate. “Interesábannos moito as máscaras para que non se vira o xesto. Iso identifica moito o xénero da persoa que está traballando, pero nós o que queriamos ver era esa constrición dos corpos para ir sacando capas e ir buscando un movemento máis amable para cada un e cada unha delas”.
Durante ese tránsito que é Ceibe a música, a cargo de MounQup e con cancións de Carlos Quintá, xoga un papel fundamental. “Vainos acompañando ata ese punto de liberación. É como cando estás nunha discoteca ou nunha sesión así máis rave, que chegas a un transo onde o corpo está libre e xa nin pensas como te moves porque o movemento vai só”, resume Sieira arredor desa idea de fondo sobre como nos inflúen os roles de xénero. “A danza é liberación, pero ao vir condicionadas e condicionados por uns movementos preestablecidos desde nenas é moi difícil irse liberando deses xeitos de moverte. Por iso a idea era irse afastando deses movementos máis normativos e ver a onde nos levaba o corpo”, insiste.
Emocións e experiencias propias
Ben é sabido que as obras deixan de ser dos seus creadores cando chegan ao público. Os significados orixinais con que se conciben cambian ás veces nas cabezas dos espectadores e non sempre coinciden cos seus propósitos iniciais, pois boa parte da xente entende as historias a partir das súas propias. Para máis se falarmos de espectáculos de danza como Ceibe, onde as mensaxes chegan a través das sensacións e non dos diálogos que adoita haber nunha obra de teatro, película ou novela.
Lonxe de cuestionalo, Fran Sieira alégrase desa diversidade de interpretacións arredor das súas propostas: “Como público o que facemos é levar as cousas ás nosas vivencias persoais. Todos temos unha idea preconcibida sobre a saúde mental no caso de DeMente ou do que pode ser o xénero na sociedade. Creo que o que fai a danza é xerar emocións e hai moita xente que che di “aquí querías falar disto”, pero ás veces a túa idea é outra. Ao non haber texto a interpretación é moito máis aberta e ata é bonito que non todo o mundo coincida”.

A presión despois do éxito
Se algo malo trae consigo o éxito dun espectáculo é a presión que se crea por cumprir coas expectativas que van ter os espectadores fronte ao seguinte. O medo a defraudar o público acompaña a obra durante unhas cantas funcións, entre as que aparecen opinións diversas: desde as que parabenizan os creadores por volver crear ata as que se apoian na anterior proposta para criticar a actual. Así o sentiu Fran Sieira e a súa compañía logo do éxito que acadaron co último traballo, DeMente, que levaron dentro e fóra de Galicia sentindo que era unha obra “moi entendible” para os espectadores.
Desta volta o coreógrafo recoñece que había “moitísima presión” por non saber como se ía recibir Ceibe. “Eu penso que DeMente é unha peza onde o público empatiza moito porque a todo o mundo nos toca moi de preto a saúde mental. Hoxe a xente empeza a falar do tema e a exteriorizar o que lle pasa. Ao final estás facendo un espectáculo sobre saúde e é difícil que a xente non empatice, pero teño a sensación de que co xénero aínda temos que dar varios pasos. Hai moito público que pode ver Ceibe como unha peza moi visual, pero ao mellor hai certas partes que igual non entenden tanto”.