A primera Táboas en papel do ano verá a luz a principios de febreiro cunha chea de entrevistas, reportaxes e novidades das artes escénicas galegas. Novas voces súmanse a este proxecto que busca ofrecer una panorámica ampla da creación escénica en Galicia, unindo público e creadoras.
O que pasa nos teatros, queda nos teatros. Ben, non sempre. Escribir, compartir e reflexionar ao redor do que sucede sobre os escenarios galegos é un exercicio necesario que amplía e mellora o ecosistema cultural de Galicia. Atender ás novas formas e linguaxes sen esquecer propostas máis clásicas, propostas arriscadas con outras máis consolidadas é o mellor xeito de levar ao público aos teatros, hai un espectáculo para cada persoa.
Neste primeiro número en papel do 2024 falamos con Touriñán e Perdomo sobre o gran éxito de público que están a ter con Corentena, un espectáculo que naceu das súas conversas en directo a través de Instagram durante o confinamento de 2020. Tamén entrevistamos a Esther F. Carrodeguas quen nos conta como foi o proceso de creación de IRIBARNE, un dos grandes lanzamentos desta temporada en Galicia.
Repasamos a viaxe por Colombia de Continente María, o espectáculo sobre María Casares e como foi a estrea de Síbaris, o único texto teatral escrito por Domingo Villar. Coñeceremos máis sobre a creación de ‘Os vellos non deben de namorarse’, un dos espectáculos máis populares do teatro galego. Achegámonos tamén ao teatro universitario, ao proxecto de Teatro Muxicas, á escola de circo de Circonove e moitos contidos máis para ver de preto os procesos creativos, a experiencia do público e os propios teatros desde dentro.