Chegou. Falou. Venceu.

Outros

A importancia da toma de conciencia fronte ó estigma social da ‘segunda’ lingua.

Séchu Sende escribía no ano 2007 Made in Galiza, unha obra chea de pequenos relatos que, cun ton anecdótico, describen a situación sociolingüística da comunidade galega. Hoxe, no ano 2024, a realidade da nosa sociedade e da nosa lingua non ten mudado en exceso e, por isto, asistimos á novela feita teatro.

Sarabela Teatro fai súa esta obra, ás mans de Fina Calleja e Fernando Dacosta e a través dun elenco formado por catro persoas, que se reinventan a medida que pasan os minutos sobre as táboas. Así, Josito Porto, Elena Seijo, Sabela Gago e o propio Fernando Dacosta dan vida a multitude de personaxes e contextos; interpretando os diferentes relatos recollidos na obra orixinal, que, ademais, presta o seu nome á escenificación teatral.

O libro convértese en teatro cando abre o pano e faino asumindo un completo estudo sociolingüístico, no que o fío condutor é a comedia; o nexo de unión entre o compendio de historias, mais tamén o motor de reflexión da situación global que representan.

Asistimos ao dilema das nosas vidas, ao ser ou non ser na súa máxima expresión. Á vontade de asumir o noso, o propio. Asistimos á toma de conciencia definitiva; ao inconformismo fronte a posible perda da lingua.

Unha obra por actos que pretende non deixar indiferente a ningunha espectadora, independentemente da súa idade ou, inclusive, do seu vínculo coa lingua, posto que se trata dunha peza adaptada para todos os públicos e, nesta cuestión, radica a súa forza. 

Existen multitude de pequenas historias ao longo desta escenificación, pequenas representacións que, sendo ficción, poderían non selo. Diferentes xeitos de simbolizar a realidade da nosa lingua, un presente que pode ser futuro, mais que tamén pode ser pasado.

A construción da escena é sinxela e tamén efémera. Os paneis que a conforman adoptan a condición de biombos, como parte dunha estancia, que con cada acto é distintiva. Estas pantallas flúen sobre as táboas, rotan e dan voltas sobre si mesmas para reflexionar sobre os diferentes contextos e relacionamentos que limitan a proliferación da lingua. Coma cada historia, estes paneis son semitransparentes e fráxiles, pero tamén versátiles e flexibles; evidenciando o verdadeiro papel que o individuo xoga nunha transición cara o cambio de lingua. Un proceso interno e externo, que sempre semella máis custoso e complexo do que en realidade é.

Ao longo da peza, a lingua adquire diferentes valores como obxecto, que nos permiten profundizar e reflexionar sobre diferentes aspectos. Neste senso, o galego convértese en obxecto de estudo na imaxe global, mais asume diferentes variables para a súa personificación; a lingua tórnase un obxecto perdido, pero tamén un obxecto de desexo e de consumo. Asistimos, así, á recuperación do idioma, avanzando sobre a hexemonía imperante do castelán para, finalmente e sobre todo, evidenciar a necesidade de transgredir espazos e acadar a esfera pública.

Made in Galiza afonda sobre a relación coa lingua, empregando o humor como gran aliado da peza. Un humor poético que atopa na metáfora a mellor acompañante. Un humor que resulta, tamén, reflexivo; xa que nos acompaña no transcorrer das situacións simbólicas e nos achega a un contexto sociolingüístico aínda vixente. 

Lonxe de rematar sendo catastrófisca ou pesimista, a obra pon de manifesto a importancia dos axentes socializadores que nos rodean e dos recursos dos que nos dotamos para procurar vida nas palabras. Afonda, tamén, na posta en valor do idioma propio e na ruptura do estigma social á hora de empregalo; rir sobre o cuestionamento xeral e, de novo, empregar a ironía -tan propia- como engranaxe. 

E nesta nova andaina en prol da diversidade lingüística e da bagaxe cultural herdada, o único camiño para non perder a lingua -nin en soños- é falar, falar, falar.

Artigos relacionados

Filoctetes sube ás táboas

‘Nada se sabe’ invítanos a cuestionar os prexuízos e a abordar a diversidade desde novas perspectivas, reflexionando sobre o que significa realmente a inclusión.