O novo espectáculo da compañía, que se representa en galego e en lingua de signos, estará no Salón Teatro compostelán entre o 15 e o 25 de febreiro.
A compañía de teatro Chévere estrea este xoves 15 de febreiro o seu novo espectáculo ‘Helen Keller, a muller marabilla?’ no Salón Teatro de Santiago. A peza está protagonizada por Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez, sendo unha idea orixinal desta última e contando coa dirección de Xron.
A obra permanecerá en Compostela ata o 25 de febreiro e logo chegará a outros puntos de Galicia como Carballo, Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ames, ademais de facer tempada no Centro Dramático Nacional (Madrid) e no Teatro Lliure (Barcelona). Estes dous espazos, xunto con Chévere, coproducen un espectáculo onde o galego convive coa lingua de signos española para mellorar así a accesibilidade da obra e chegar ao maior número de persoas posible.
‘Helen Keller, a muller marabilla?’ afástase das historias máis ou menos locais e de mirada xeracional nas que ten traballado a compañía (‘Eroski Paraíso’, ‘Curva España’ ou ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’, entre outras), pero mantén o interese desde as zonas de rozamento entre a memoria colectiva e os relatos oficiais. A historia comeza co descubrimento dunha muller, descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller.
Esta persoa converteuse nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. Na investigación arredor da súa figura aparecen algunhas informacións desconcertantes sobre a súa vida, sistematicamente ocultadas. Iso leva a unha serie de preguntas: Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega?
Neste marco, a obra tamén cuestiona a incomunicación entre as persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas.