Ciencia e humor: binomio perfecto

Outros

O humor non é unha ciencia exacta, pero si que é un xeito de analizar a realidade e unha das maneiras máis habituais de formular hipóteses. Se ben non se pode usar o método científico para crear humor, empregar a “ciencia” cómica para transmitir e achegar o coñecemento científico revelouse como un método moi eficaz.

A ciencia adoita ser vista como algo que pasa en laboratorios cheos de tubos e máquinas que procesan datos e arroxan datos inintelixibles. Porén, nos últimos tempos comeza a ser habitual ver propostas e formatos que achegan o coñecemento científico á xente a través do humor, e resulta que é unha combinación perfecta. En xeral, todo entra moito mellor con humor, máis se son conceptos complexos, palabras que non estamos afeitos a escoitar ou grandes cantidades de información. Bos exemplos desta máxima son programas de televisión como Órbita Laika (La 2) e Aquelando (TVG), de radio como Efervescencia (Radio Galega) ou os incontables espazos de divulgación que atopamos nas redes que empregan o humor como ferramenta comunicativa principal.

Os contidos divulgativos están acadando moito éxito grazas a esta fórmula. É cada vez máis habitual ver profesionais da investigación científica participar en espazos televisivos achegando contidos cunha linguaxe próxima e con referencias humorísticas e tamén a proliferación de monólogos cómicos de base científica interpretados polos propios investigadores e investigadoras.

O mesmo punto de partida teñen Elemental e Carbón, dous espectáculos que mesturan o humor e a divulgación científica, co obxectivo de achegar a ciencia ao público facéndoa máis amigable e comprensible por medio do humor.

Juanjo Fernández, César Goldi e Manuel Vicente en Elemental | Foto: Xurxo Mariño

Elemental é, en palabras dos seus creadores, un piano-bar periódico. Unha obra de pequeno formato deseñada e interpretada por Manuel Vicente, a quen tamén vemos en Aquelando e Efervescencia, César Goldi e o pianista Juanjo Fernández. Achégannos mediante cancións e bailes as historias que agochan os 118 elementos da Táboa Periódica.

É posible que moitos, cando tivemos que estudar os elementos, compuxéramos as nosas cancións como regra mnemotécnica para superar os exames, pero nunca as cancións sobre elementos chegaron a tal nivel de sofisticación.

Oswaldo Digón e Xurxo Mariño en Carbón | Foto: Aigi Boga

En Carbón atopamos un formato a medio camiño entre a charla de divulgación científica e o monólogo cómico. Xurxo Mariño, divulgador e científico e o actor e humorista Oswaldo Digón achégannos a poesía que se atopa nos obxectos cotiáns, demostrando que a ciencia pode transmitir coñecemento poético e evocador de calquera obxecto, tomando como exemplo un simple anaco de carbón. Como desa pedra negra pode chegarse ao cobizado diamante e como podemos atopar beleza e coñecemento en calquera obxecto da natureza.

Se en décadas anteriores a divulgación científica era terreo para a seriedade, semella que a fórmula do humor chegou para quedar.

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.