Cinco lugares para ver teatro fóra do teatro en Galicia

Outros

O ritual do teatro coñéceno ben os seus amantes: entrar no auditorio, buscar acomodo na butaca antes de que apaguen as luces e ver como o pano deixa lugar á obra. Isto é o habitual, mais non é o que pasa sempre, pois tamén podemos desfrutar dunha chea de espectáculos teatrais fóra das táboas. Esta é a lista dos nosos cinco lugares preferidos para ver teatro fóra do teatro!

Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)

Un dos espectáculos do FIOT 2023, representado nunha pista de skate da vila. Foto: Vanessa Rábade

Cada ano o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) converte Carballo na capital das artes escénicas en Galicia durante todo un mes. Xa consolidado como un referente no país, o FIOT programa espectáculos en distintos lugares da vila como a Residencia de maiores, o Mercado, algunha que outra cafetería ou a pista de skate.

A proposta naceu en 1992 e na última edición houbo 38 espectáculos, dos cales oito foron estrea en Galicia. Nese outono pasaron polo concello carballés artistas e intérpretes como Vicky Luego, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Candido Pazó ou Quico Cadaval, que fixeron de Carballo un teatro en si mesmo!

Clásicas Desfeitas

Un dos espectáculos representados nas Torres Hedjuk, no marco do ciclo Clásicas Desfeitas. Foto: Xunta

O ciclo promovido polo Centro Dramático Galego na Cidade da Cultura (Santiago) redescobre obras clásicas da literatura galega e universal a través da linguaxe escénica contemporánea. Entre as pezas representadas houbo textos de Rosalía de Castro, Virginia Woolf ou Albert Camus, que pasaron por espazos como o Museo Centro Gaiás ou as Torres Hedjuk.

Despois de catro anos de vida e once producións, a proposta desta edición 2024 foi Hamlet, o de Cunqueiro, un proxecto multidisciplinar que mesturou o teatro cos videoxogos a partir dun extracto de O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, xunto con elementos do relato A cartomante, do brasileiro Machado de Assis.

Castelo Conta

As Fillas Bravas de Momán, de Chévere, no Castelo Conta 2022. Foto: Aigi Boga.

Comedia, música e tradición oral, pero tamén moito teatro. Eses son os piares do festival Castelo Conta, que cada verán espalla unha chea de propostas escénicas por distintos lugares da parroquia de Castelo (Culleredo) en colaboración coa súa veciñanza. Non son poucos os que ceden os seus pendellos para programar os espectáculos!

Entre as propostas destes anos figuran algunhas xa recoñecidas como As Fillas Bravas de Momán, de Chévere, ou Somos Criminais e Somos Criminais 3, dos humoristas Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco. Na pasada edición presentouse Corentena, o último show de David Perdomo e o propio Touriñán, veciño de Castelo e impulsor do festival.

Mostra Internacional Area de Teatro (MIAT)

Un dos espectáculos da Mostra Area de Teatro 2022 na praia de Santo Amaro da Coruña. Foto: MIAT

A coruñesa praia de Santo Amaro era o lugar escollido para celebrar a Mostra Internacional Area de Teatro (MIAT), impulsado pola compañía Noite Bohemia que se viña desenvolvendo na Coruña desde hai varios edicións e que non se chegou a celebrar no último ano.

A proposta? Espectáculos sobre a area, mar de fondo e unha entrada de balde para encher a praia de seguidores e curiosos do teatro. O bo facer da organización no 2020 chegou ao medio británico The Guardian, que exemplificou cunha fotografía as boas prácticas de distanciamento e prevención en tempo de restricións. Xa nos tarda en volver!

Festival Internacional de Títeres de Redondela (FIT)

Programación na rúa do FIT de Redondela na súa edición do 2023. Foto: FIT

Redondela acolle cada ano o seu Festival Internacional de Títeres, onde chegan artistas de todo o globo para facer desfrutar maiores e pequenos. Alén da programación de sala, hai unha chea de espectáculos que se desenvolven nas rúas da vila: desde os monicreques máis clásicos ata as propostas itinerantes.

Este XXV Festival Internacional de Títeres tivo lugar entre o 13 e o 19 de maio, contou con 13 escenarios e máis de 70 representacións. A organización esperaba unha asistencia de máis de 40.000 seguidores, convertendo o FIT no evento máis importante do país no seu xénero. Para esta edición houbo compañías de Italia, Arxentina, Holanda, México, Francia, Portugal, Alemaña, Valencia, Castela e León, Cantabria, Andalucía, Aragón e Galicia.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.