Comedia en galego para axitar mentes

Outros

Que sería do mundo sen humor? Desde logo, un pouquiño máis difícil de levar. Por iso estamos desexando marcar na axenda algunha actividade no tempo de lecer que nos saque un sorriso ou, mellor aínda, que nos faga rir á esgalla ata que nos doia a barriga. En definitiva, unha forma de facer abdominais sen pisar o ximnasio.

Mais o humor, como as artes escénicas, tamén pode ser unha ferramenta para facer reflexionar desde o escenario. Co obxectivo de “axitar cabezas” chega o Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) á Coruña, cunha programación que se estende desde o 28 de abril ata o 7 de maio.

Ao lado de grandes figuras do humor a nivel estatal como Javier Cansado, Dani Rovira, Eva Hache ou o galego Xosé A. Touriñán, o EMHU deixa oco para estreas absolutas de comedia feita en Galicia. É o caso de As R(h)umorosas das actrices Ledicia Sola, Marta Doviro e Carmen Méndez (3 de maio na Sede Afundación) e de Ansia Viva, con Oswaldo Digón e Luis Tinaquero (4 de maio na Sede Afundación), dous espectáculos que cumpren co dobre obxectivo de facer rir e pensar.

“O noso espectáculo fará remexer cabezas con respecto á valoración das mulleres galegas, non só as famosas, tamén as de a pé. Imos valoralas de verdade”, explica Marta Doviro. As súas compañeiras están de acordo: desde o humor tamén se axitan as mentes. As R(h)umorosas xorde a partir de Sen Restricións, onde as tres xa compartían escenario. “Nun dos bloques falamos de mulleres ilustres galegas e pensamos que ben merecía un espectáculo propio”, conta Marta. “Sempre desde un punto de vista cómico, levámolas a un terreo máis humano e próximo”, engade Ledicia.

Foto: Alejandro Goris

Todas elas teñen experiencia como actrices de cine, teatro ou televisión, mais son relativamente novas nisto dos monólogos, polo que este novo espectáculo é un tamén un reto. “É unha linguaxe diferente e con outras ferramentas, así que é unha forma de seguir aprendendo”, sinala Ledicia.  “O monólogo ofrece un contacto directo co público e hai unha adrenalina que non se repite. Ademais, é unha oportunidade para deixar saír a pallasa que levamos dentro e desfrutar”, opina Carmen sobre esta nova faceta.

E se o feminismo é a clave de As R(h)umorosas, a saúde mental é a temática sobre a que xirará Ansia Viva. “Trato a ansiedade desde a comedia porque non sei rezar doutra forma”, afirma Oswaldo Digón. O espectáculo xorde dunha experiencia persoal e mestura o monólogo cunha parte musical en directo a cargo de Luis Tinaquero. Precisamente estas cancións ofrecerán a calma e serán as que se improvisen coa axuda do público. “Faremos temas a modo de terapia de xeito improvisado. Serán cancións feitas no momento e co xénero que marque a xente: blues, jazz, incluso reguetón se queren!”, explica o cómico ao falar desta cita única para a que xa están adestrando (porque o de ensaiar na improvisación é case imposible). Sen dúbida, a comedia non só serve para pasalo ben (fundamental, claro) senón para achegarnos a temas importantes durante o noso tempo de lecer. “O humor sempre ten esa parte de enxeño que fai que as cousas se dixiran moito mellor e se lle dea máis normalidade”, conclúe Oswaldo.

Foto: Marcos Martínez

Un humor exportable e no seu mellor momento

As cifras non menten, a xente está con ganas de rir. Nacho López, coordinador do EMHU, comenta que a resposta dos público nos eventos que organiza indica que o humor en Galicia está nun dos mellores momentos. “No primeiro día no EMHU vendéronse máis de 8.000 entradas, algo que di moito do público galego”, comenta. Pero non só o público demanda comedia, tamén asistimos a unha época dourada na creación. “Ademais dos artistas habituais como Touriñán, David Amor, Carlos Blanco ou Piedrahita, vemos como nas redes sociais están aparecendo novos cómicos como Pablo Meixe, que nun ano de traxectoria xa está enchendo teatros en Madrid”, conta Nacho. O coordinador do EMHU tamén nos fala do traballo positivo da Escola de Impro de Oswaldo Digón na Coruña ou de grupos con pezas orixinais e frescas no Riquela en Santiago e no Sinatra de Vigo.

E o humor galego pode triunfar fóra das nosas fronteiras? Para Nacho López a resposta é clara: “Sen lugar a dúbidas, creo que podemos exportar humor sen ningún tipo de complexo. Vémolo con David Amor ou Javier Veiga, que fan o mesmo espectáculo en Galicia e na xira de toda España”. Para Carmen Méndez un “depende” moi galego. “Temos un humor que pode ser moi propio porque en Galicia temos un imaxinario moi concreto e dependerá do uso que faga cada humorista del”, xustifica a actriz. Ledicia Sola matiza que temos un típico humor galego pero non quere dicir que non se poida exportar.

Oswaldo Digón resalta a sorte das particularidades do noso humor como a retranca, a tradición oral e a riqueza que ofrece a lingua. “Na improvisación hai que traballar a escoita, a atención e os detonantes. No meu público hai diferenza non por ser dun lugar ou doutro, senón pola experiencia. Por exemplo, o outro día estaban véndome unhas rapazas chinesas, acompañadas dun alumno meu que é profe de chinés, e estaban encantadísimas”, conclúe o cómico.

Artigos relacionados