Bogotá e Manizales reciben o espectáculo sobre María Casares.
Así foi a experiencia Colombiana do teatro galego
Compartimos unha pequena escolma fotográfica do vivido alí.
Bogotá e Manizales reciben o espectáculo sobre María Casares.
As artes escénicas galegas son as convidadas especiais da 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales; participando tamén no Festival San Ignacio Comfama e no Festival Internacional de Teatro de Bogotá. Acompañamos á expedición galega, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, por terras colombianas para dar conta da acollida do público latinoamericano das propostas de Ainé, Ibuprofeno Teatro, Pistacatro, Fran Sieira e Elefante Elegante.
Logo de viaxar durante practicamente un día enteiro, chegaba a Bogotá o equipo de Continente María, unha produción de Ainé e A Quinta do Cuadrante. Superados os atrancos nos aeroportos, as serpenteantes estradas de montaña do eixe cafeteiro, mais cun jet lag importante, tocaba montar unha función con pouca marxe de tempo. A capital colombiana preparábase para inaugurar a primeira edición do Festival Internacional de Teatro, nacido logo da desaparición do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá, cun espectáculo galego.
O escenario desta primeira representación foi o Teatro Colsubsidio, un marabilloso espazo polo que pasaron grandes mitos como Cesária Évora, Armando Manzanero ou Caetano Veloso. Unha función rara vez non atopa atrancos, pero tamén é certo que un contratempo pode resultar nunha oportunidade. Aínda que sabemos que “un fogar non entra nunha maleta”, o espectáculo precisaba unha nova maleta para que María puidera gardar aqueles “obxectos que non serán vendidos”. A maleta gris de Continente María convértese deste xeito nunha maleta de cor marfil, adquirida nunha rúa dedicada a compraventa e reparación de maletas, cousa que un non pensaba que puidera existir, pero Colombia ten esa capacidade máxica para a sorpresa. A maleta presenta un aspecto indiano que funciona tanto como identificador das funcións latinoamericas do espectáculo como metáfora perfecta da viaxe emprendida.
Bogotá foi unha estancia breve pero intensa, tres días para chegar, montar, conseguir elementos de atrezzo e escenografía que non funcionaban, probar, disfrutar a soberbia acústica do teatro… e facer a función. A responsabilidade de inaugurar unha primeira edición dun festival internacional e os nervios previos a saír a escena estaban presentes tamén para o personal do Colsubsidio, conscientes en todo momento de que cada función é unica pero esta, se cadra, érao un pouco máis. “Mucha mierda, maestra”, dicíanlle os tremoistas a Melania Cruz. Logo da presentación do festival, unha mensaxe indicaba que o público podía gravar e facer fotos do espectáculo, etiquetando ao teatro para difundir a súa programación. Iso si, en silencio para non molestar. E iso aconteceu. Cando abriu o pano e Melania entrou en escena, o público axiña conectou co que alí estaba acontecendo. Sacaban fotos e vídeos, si; pero tamén arrincaron aplausos na escena do Romance de Don Rodrigo.
Melania e Vadim, quen tocou un acordeón alugado a un músico local de punk-folk, non só conectaron cos bogotanos, senón que conseguiron crear esa maxia que ás veces sucede no teatro. E é que a falta de contexto para entender parte dos procesos históricos europeos e españois do século XX, suplíase coa empatía coa historia de María Casares e a dun pobo que sufre as inxustizas derivadas dos autoritarismos e a infamia.
Alá quedou o balbordo da capital, co seu ritmo frenético e un caos circulatorio aparente para o visitante que os locais semellan dominar como se dun código secreto se tratara. O voo a Manizales era á mañá seguinte, tocaba madrugar e coller o avión ao aeroporto La Nubia, rebautizado na miña cabeza por Nublar, xa que a súa localización no alto dunha montaña rodeada de vexetación frondosa, sumada ao son das hélices do avión transportáronme axiña a Parque Xurásico. Un voo doméstico de aproximadamente corenta minutos derivou nun traxecto de 3 horas, que rematou en Pereira desde donde a expedición de Ainé tivo que percorrer os 58 kilómetros que separan o aeroporto Matecaña da cidade de Manizales nunha viaxe de dúas horas en furgoneta. As estradas de montaña ofrecéronnos, ademais de curvas e pendentes imposibles, unhas vistas fabulosas con cafetais, palmas, camións xigantescos, motos diminutas, cóndores e un repaso polos éxitos do reggetón dos últimos vinte anos que, por motivos que non acabo de comprender, fixeron que me sentira algo máis preto da casa.
Manizales é unha cidade pequena para os estándares americanos, pero ten moita actividade cultural e é a sede do festival de teatro máis antigo de latinoamérica. No teatro Los Fundadores, a sensación xa era de festival. A experiencia de Bogotá resultou marabillosa, pero a sensación no ambiente era máis dunha función solta que dun festival, quizais por tratarse da primeira edición, tal vez por ser un venres á noite, cando a capital “rumbea”.
En Manizales, Continente María tamén abriu a participación galega. Fíxoo cunha dobre función, co equipo moi canso polas horas de viaxe, as longas e complicadas montaxes e o esforzo engadido de estar a máis de dous mil metros de altitude. “Fai falta coller o dobre de aire para cantar, senón, a nota non chega” comentábame Vadim Yukhnevich. Subir un andar polas escaleiras supón un esforzo descomunal, non quero nin imaxinar cantar e falar durante setenta minutos.
A distancia física entre o público e o escenario, motivada por unha peculiar distribución da platea, axina desapareceu cando comezou a representación. Moito máis comedido no aplauso que o público bogotano, os asistentes ás funcións de Manizales felicitaban e agradecían a Melania, Vadim e Tito Asorey ao rematar cada función. Mesmo un par de persoas sacaban entrada para a seguinte función nada máis saír da primeira.
A capacidade vocal de Melania e o virtuosismo musical de Vadim, quen nesta ocasión tocou cun acordeón italiano propiedade dun músico manizaleño de vallenato, foron os eloxios máis repetidos entre o público e os membros doutras compañías presentes nas funcións de Manizales.
Agora restan uns días para que cheguen as funcións de O mel non caduca, Demente, Alma de tigre e Orquestra de malabares. Mentres, en Manizales podemos desfrutar das propostas de formacións colombianas e arxentinas e seguir empapándonos, literal e metaforicamente, dun ambiente no que son tantos os estímulos que ás veces é imposible concentrarse nun só detalle.
Compartimos unha pequena escolma fotográfica do vivido alí.
Ibuprofeno Teatro e Elefante Elegante abriron as funcións do céntrico teatro